Un novo tema dos Killer Barbies: Octopus to the Party

Bighamton

Xa vos falamos da nena Candela no anterior post. A poucos días da celebración da festa do San Lourenzo o 10 de agosto, Candela decidiuse a revelarnos unha verdade que doía na parroquia: Andan dicindo polo pueblo que non vai vir a pulpeira ao San Lourenzo. Para quen non sexa galego que che digan isto é como que che caia o ceo sobre a testa ao estilo de Astérix e Obélix. Somos adoradores do polbo. E se queremos traballar en Arqueoloxía en Comunidade en Galicia hai que ir preparando o dente para engulir cefalópodos a esgalla. De todo isto tentaremos falar a estudantes da Universidade de Bighamton (Nova Iorque, U.S.A) o vindeiro mes. O bonito é que a cada intre a comunidade local fornece base empírica de calidade.

Os máis avisados e avisadas fans deste proxecto de San Lourenzo recoñeceredes nesta fotografía de enriba un remolque que xa ten dado bos servizos ao castro. Os Ramaus, Javi e Moncho (auténticos Killer Barbies) tiveron a ben pintar de rosa o remolque co que se montaran pendellos na romaría, co que se recolleran os cepos do San Brais… para agora participar de xeito maxistral  no Antroido da Pobra do Brollón. Nin chirigotas de Cádiz, nin performances do Orgullo gai, nin Barbie Superstar nin ostias. Esta é a proposta estética deste ano. Barbies reinterpretadas á galega. Dende logo, as nosas preferidas son a Barbie churrasqueira e, por suposto, a Barbie pulpeira.