Un bo sinal

Aitor ten de seu un sorriso pícaro que vai canda el de cotío. Ás veces, nas ocasións importantes, esboza un xesto serio, solemne. O outro día aconteceu. Falando da necesidade de chantar un cartaz-indicador ao sopé do castro, Aitor pousou o seu licor café e non o dubidou:

Mañá traiovos a madeira de nogueira que me regalou a miña avoa.

E así foi. Alí tiñamos diante nosa unha marabillosa peza maciza, sacada dun concheiro centenario hai oitenta anos, en plena guerra civil. Aí é nada. Malia o labirinto modelado polas couzas durante décadas, a táboa mantiña unha fasquía monumental. O reto era grande. Tivemos que convocar o comité de sabios, os líderes naturais desta parroquia, á nosa troika particular. O’Corbal e O’Corenta pousaron as súas maos taumaturgas pola táboa e como adiviños, falaron, e falaron ben. Compría non aserrar a madeira e manter a natureza rústica da madeira do Aitor. Coas súas maos grandes, de xigante bo, O’Corbal xa tiña no maxín o produto final. Antes de entrar en boxes, O’Corenta acolleu a táboa como refuxiada na súa casa para seguir co ciclo máxico. A súa dona, Lisette, debuxou con agarimo tipográfico, a lapis, as letras do Castro de San Lourenzo.

Batizada a madeira, foi levada ao templo artesanal instalado na casa do Corbal. Como os ferreiros africanos, considerados magos polos veciños, este home converteu os nós  da nogueira en símbolo do noso proxecto. Mentres O’Corbal escaravellaba no seu monumento, O’Corenta bulía cara ao Camiño de Inverno para chantar os esteos que ían soster a nova vida da nogueira do Aitor. Algúns investigadores da Idade do Ferro consideramos que a arquitectura doméstica castrexa é unha arquitectura orgánica inserida na paisaxe. Este sinal é un bo exemplo disto, pero tamén  é un bo sinal de que imos polo bo camiño.

A Modernidade oficial é un inferno para instalar a alcumada sinalética: loita de logos entre administracións, entidades que se solapan, licitacións para empresas… Nesta Arqueoloxía en Comunidade na que cremos son os veciños e s veciñas quen marcan os ritmos, quen autoxestionan o que queren facer co seu castro. Un bo sinal que indica o camiño do futuro.