O’Modesto

O Modesto repenicando.

O Modesto repenicando.

Coma un amieiro lanzal a figura d’O Modesto, cun aire quixotesco, recórtase entre as leiras de Nogueiras. Coma o fidalgo da Mancha, marchou polo mundo a procurarse. Tras unha tempada na Libia de Gadaffi nos anos da nosa transición democrática, afincou en Madrid como condutor de autobuses urbanos. O seu falar entre castizo e enxebre, a súa estética ao Mágico González e o seu patriotismo cereixano fan deste home unha referencia para o noso proxecto. Coa xubilación, O’Modesto desfruta da paisaxe e da xente. Vén de mercar unhas vaquiñas.

Por agora polo castro achegáronse homes míticos, os titulares dunha alineación que pasará á historia: O’Regueiro, O Vicente de Nogueiras, O’Corenta, O’Modesto… A Arqueoloxía sen eles non pode dicir nada novo. Modes, mentres olla con curiosidade o Burato dos Mouros, lembra a O’Lagareto, cantante de ópera frustrado metido a empresario da area nos 60 e 70. El avisaba aos novos: Coidado co castro que é un niño de mouros!

Mentres o can Johnny roe na bolsa de plástico onde repousan uns anacos de empanada, e fai rir aos colegas que están a facer a prospeción magnética da croa, O’Modesto tamén recorda ao José de Nogueiras, que levaba a avenza no inverno á segunda muralla do castro, ao Carrasqueiro, xa que estaba cuberta de monte baixo, nomeadamente carqueixas. Os paisanos sabían que no cumio máis alto das murallas non medran as árbores. Todo un indicio que amosa a existenza de potentes paramentos murarios por baixo.

O’Modesto ama Cereixa e sempre estará apoiando todo canto se faga na parroquia para contribuír a que se xunte a xente. Por iso gosta sempre de rubir pola escada da igrexa e facer de badaleiro nas festas, facendo falar as campás da parroquia. Alí estivo, seguro, no seu posto de vixía, como se fose un blocao no Rif, o día do San Lourenzo.