O’Corbal

DSCF0130

Os funcionarios do Reino de España que elaboraron o Catastro de Ensenada a mediados do século XVIII deixaron unha imaxe moi completa da parroquia de Cereixa. Esta comunidade rural tendía cara á autosuficiencia. O traballo do agro complementábase coa presenza de muíños, liñares e teares, así como coa presenza dalgúns artesáns, ferreiros e carpinteiros sobre todo. Como acontece nas sociedades premodernas, existía unha tecnoloxía compartida por toda a comunidade. A través da xeira e contraxeira (traballos coletivos) cada un dos membros do grupo era quen de facer unha casa, unhas zocas ou pezas para o carro. Paralelamente existía un fato de actividades especializadas para as que se contaba cos profesionais itinerantes, ambulantes, como os alambiqueiros que facían a augardente, os afiadores… moitos deles procedentes de alén Sil, da Ribeira Sacra ourensá.

DSCF0103

Aquel mundo artesán transmitiuse pola xenética a homes e mulleres de Cereixa. Un deles é O’Corbal, quen leva o nome do lugar da súa casa, un barrete que así aparecía denominado no Catastro de Ensenada e nos dicionarios xeográficos do século XIX. O seu avó era un carpintero recoñecido, como amosan os fermosos chineiros que facía coas súas maos. O’Corbal deixouse levar polo espírito do noso proxecto e velaquí o temos no seu obradoiro encetando unha talla nova. Outro veciño, O’Madanelo, troúxolle un cepo de freixo. Agora vai en camiño de converterse nun Lourenzo moi particular, non en Lorenzo Lamas (el terror de las camas), senón nun San Lourenzo cun aquel a Kirk Douglas.

DSCF0136

O’Corbal é un autodidacta que traballa a madeira, a forxa e mesmo a pedra. Deseñou co seu torno todo un enxoval doméstico en madeira, que inclúe até copas de champán. De entre a súa obra inédita cómpre destacar a súa querencia polos reloxos, eses medidores de tempo que funcionan a xeito do Carbono-14. De inspiración daliniana é o reloxo de parede que en realidade é un reloxo de pulseira, ou o reloxo de pedra do Busto, coas pegadas de fósiles vexetais, incrustado nunha raigame de uz. En aceiro inspírase na Historia e mesmo en series como Águila Roja: espadas e mandobles curvos do estilo dos que empregaban os piratas berberiscos e os turcos no século XVI.

DSCF0138

DSCF0146

O’Corbal é un dos colaboradores do noso proxecto. Se tendes que lousar ou rehabilitar unha casa, non dubidedes en contactar con este empresario-artista cereixano.

DSCF0133