O santo que veu do castro

O santo no obradoiro de restauración de Marien González

O santo no obradoiro de restauración de Marien González

A mediados dos anos 90 do século pasado falamos con prohomes da parroquia de Cereixa sobre o castro de Alende e o seu santo. Petrucios como O’ Turín, o Xaime da Diosa, O’ Xerardo da Lende ou O’ Corenta coñecían dos seus pais e dos seus avós a vella tradición do San Lourenzo. Estes homes xa non acordaban ergueita a ermida do castro, pero sabían ben desta historia:

O San Lourenzo trouxérono os curas dalí, do castro, para a iglesia, pero o santo marchaba e iba po castro, quería seguir alí, así que se lle fixo outra capela no castro. A miña abuela contaba das rogativas que se facían cando había sequía; que un ano que non chovera nada fórase en procesión desde o castro hasta o río e ó molla-lo santo no río comezou a chover, salvando as colleitas. Eu xa non a recordo, a capela, que inda se verán aínda os muros. A pedra levouse dalí para as casas da Lende.

taller 4

San Lourenzo, presuntamente martirizado en Roma no s. III, é un dos santos mais antigos no culto hispánico (século V) e dos de meirande tradición en Galicia, sendo titular de 73 parroquias e de numerosas capelas, moitas delas emprazadas sobre castros. Trátase dun mártir paleocristián que, como ten demostrado F. Bouza Brey foi reinterpretado polo cristianismo campesiño coma un santo hidróforo, considerado como portador de auga (en virtude da tradición haxiográfica que describe o seu martirio queimado vivo nunha parrilla), substituíndo a antigos númenes ou divindades prerromanas.

Proceso de restauración: desinsectación da talla.

Proceso de restauración: desinsectación da talla.

Este vencello popular do santo co lume levou a que fose utilizado polas comunidades campesiñas en rogativas e ritos impetratorios da choiva nos meses estivais (a festa do santo é o 10 de agosto) que en moitos casos conlevaban a inmersión da imaxe do santo, como así se facía na parroquia de Ferreiros (Cuntís) ou en San Lourenzo de Ouzande (A Estrada). En Cereixa, a enquisa etnográfica permitiunos reconstruir a existencia desta antiga tradición, que ritualiza a importancia da auga neste val do Saa, como fan tamén as lendas de mouros no imaxinario popular. Por outra banda, a análise arqueolóxica facilitounos non só a documentación dun castro cristianizado, senón tamén recuperar o sentido orixinal dun monumento esencial na cartografía mítica da parroquia. Deste xeito, trátase dun exemplo mais da apropiación simbólica destes poboados protohistóricos por parte do campesiñado, proceso sancionado positivamente polas autoridades eclesiásticas, que autorizaron a construción de capelas adicadas aos mártires paleocristiáns (San Cibrao, Santa Mariña, Santa Cristina, San Lourenzo) sobre estes recintos.

Proceso de restauración da talla: desinsectación.

Proceso de restauración da talla: desinsectación.

Esta historia publicouse en O santo.