O Porto do Santo

Bargos de pedra asolagados no porto.

Bargos de pedra asolagados no porto.

Na Geografía General del Reino de Galicia de Carreras y Candi, no volume no que se recolle o saber encol do concello de A Pobra do Brollón, aparece reproducida unha foto moi escura co seguinte pé de figura: Mujeres lavando en el río Saa. Dende pequeno, ubiquei esta foto, no barrio de A Ponte, en Cereixa. O topónimo do lugar non deixa lugar a dúbidas. O camiño real (tamén camiño xacobeo) salvaba aquí o río Saa para iniciar o ascenso á serra e albiscar a depresión de Lemos. Sen embargo, ninguén lembra unha ponte de pedra. O que si houbo en tempos foi un pontón de madeira (agora de cemento, dende 1986) e o tradicional porto, formado por unha camada de bargos de pedra, nun paso no que apenas hai fondura.

A ponte dos anos 80.

A ponte dos anos 80.

 

Este paso era o espazo feminino por excelencia. Nunha beira do río lavaban as mulleres da Ría, as da Zapateira; desta beira as da Ponte. Cos seus lavadoiros portátiles (hoxendía reutilizados nas matanzas para lavar as tripas no río) e o xabrón caseiro a base de manteca de marrao, cantaban, rosmaban e movían as cadeiras, nun xesto técnico moi semellante aos das mulleres africanas cando moen o grao nos muíños naviformes. Para moitos rapaces, no agromar da adolescencia, este foi o primeiro escenario-descuberta da sexualidade. Eu aínda recordo ver lavar aquí na década de 1980. Aquelas mulleres xa morreron e o Porto foise enchendo de silvas e de esquencemento.

Onte, dous homes, O’Corenta e O’Nécher, un do aquén e outro do alén río, apañaron unhas desbrozadoras e á mañanciña cedo, canda as troitas, comezaron a limpar o Porto. Por aquí pasará o san Lourenzo o día 10, para que a parroquia de Cereixa lle molle os pés no río ao santo. Na auga, entre as pitacegas e a sombra dos bargos de pedra, deseguro que aínda se verán refletidos os sorrisos das nosas avoas e das nosas mais, aquelas lavandeiras da memoria.

DSCF0388