O noso Saint-Exupéry

Unha fermosa casa da aldea de San Adrián dá acobillo aos arqueólogos do proxecto do castro de San Lourenzo. Nesas paredes naceu O’ Maceda quen foi casar a Cereixa coa Celsa de Rairos. Desta xuntanza xurdiu un personaxe cereixano ao que o castro lle debe moito: o Roberto de Rairos. Sempre gostei dese vencello especial que se mantén nas parroquias, onde novos, menos novos, vellos e menos vellos, xentes de distintas xeracións comparten troulas e foliadas. Lembro con morriña aquelas voltas noitaregas pola serra dende Monforte, polo camiño real, nas que Roberto era o noso Carlos Sainz particular. Dende sempre, Roberto, o noso Ícaro cereixano, gostou de voar. O parapente non ten segredos para el. O outro día veunos visitar ao castro e contounos os seus últimos voos por Somosierra e Guadarrama. Grazas a Roberto, e a otros veciños que irán saíndo neste blogue, o castro de San Lourenzo safou da destrución total.

Debeu ser contra 1996, mediados dos 90 seguro. Roberto guindouse co seu parapente dende a Serra e percorreu a parroquia toda cunha cámara das de antes, de carrete. Como piloto experimentado, chamoulle a atención a forma do castro de Alende, que malia a vexetación, aínda se apreixaba dende o ar. Uns días despois apareceu coas fotos reveladas na parrillada O’Fogón onde nos xuntabamos a xuventude. Esas foron as primeiras fotografías aéreas que vin do castro de San Lourenzo. Daquela non había Google e para facerse con ese material compría facer farragosas xestións co Ministerio de Defensa. Esas fotografías valeron o seu peso en ouro. Uns días despois veu xantar ao Fogón un tipo de traxe, con aire de tiburón dos negocios. Á hora do café, saiu fumar un xaruto á terraza canda outro fulano, e moi decidido comentoulle: todos eses altos son area. A súa idea era reactivar as antigas canteiras dos anos 70 que case levan por diante o castro. Coas fotos de Roberto e a Lei de Patrimonio (todo hai que dicilo) persuadimos ao individuo convencéndoo de que aquilo era mal negocio. O castro de San Lourenzo voltou sobrevivir á Modernidade e ao Progreso grazas a Roberto, o primeiro home que voou sobre Cereixa e viu, como O’Principiño, emocionado, o noso mundo todo.