O misterio dos círculos líticos

Para esculcar no pasado temos que botar mao non só de trebellos tecnolóxicos, senón tamén das tecnoloxías da memoria. O que nos acontece na croa do castro de San Lourenzo é un bo exemplo da necesidade de integrar información oral, documental, histórica e arqueolóxica. Deste xeito podemos ir aclarando misterios como o que hoxe nos ocupa e que semella o título dunha novela de Mendoza: o misterio dos círculos líticos.

O LÍDAR do castro amosaba como o recinto superior do castro se dividía en dúas partes a xeito de plataformas. Unha sorte de pequeno parapeto liñal separa ambas as dúas. A zona occidental, máis baixa, presenta unha particularidade: está inzada de pequenos túmulos de coios de cuarcita que definen unha especie de arco na súa disposición en pranta. Este tipo de depósitos son comúns no agro galego e xorden como consecuencia dos labores de clareo das parcelas para sementar ou habilitar pradeiras para o gado. Resolto o misterio? Non.

Onte recibimos a visita de O’Regueiro, o druida da comunidade que garda no maxín o atlas da parroquia. Ten 85 anos e recorda esas moreas de coios dende sempre. Tamén lembra que nunca se sementou no castro, que non había leña e que se usaba a croa para que pacese a avenza. A vexetación que vemos hoxe xurdiu tralo último lume de 1991. Xa que logo, os círculos líticos semellan non ser recentes e non teñen que ver coa agricultura.

Fotografía aérea do castro de fins dos anos 70

Para cotexar a referencia oral de O’Regueiro recorremos á batería de fotografías aéreas que temos dende o primeiro voo americano de 1945. Alí aparecen xa os coios, como tamén aparecen no voo de 1956 e na fotografía do Ministerio de Agricultura de comezos dos anos 80. A cousa comeza a poñerse interesante. O terceiro chanzo na nosa pescuda é conectar estes datos coa prospeción xeofísica que fixemos en xuño do ano pasado. Os resultados da mesma amosan como esa parte occidental máis baixa non presenta un tecido de estruturas tan mesto como a parte oriental, o que nos pode indicar un labor de desmantelamento do nivel de ocupación castrexo-romano.

Como se fosen moais da illa de Pascua, estes coios riarengos fannos preguntar: Quen fixo isto? Para que? De cando son? As nosas investigacións comezan a amosar unha importante ocupación posterior dende época altomedieval até época moderna. O reacondicionamento da croa neses tempos levou ao erguemento dunha nova muralla de pedra que non segue o cumio de vello parapeto do castro mineiro. É precisamente nesta parte occidental onde este muro  acada a súa meirande espectacularidade, a rente do espazo ocupado polos círculos líticos.

Non deixa de ser gracioso que esteamos a dar voltas con estes depósitos. O dos círculos líticos foi un clásico nas orixes da investigación galega sobre o fenómeno megalítico. Federico Maciñeira en Ortegal e As Pontes a fins do s. XIX sinalara a existenza deste tipo de estruturas. Co paso do tempo viuse que todo era máis complexo. O círculo de A Mourela, escavado polo GEPN da USC, por exemplo, resultou ser unha estrutura medieval vencellada a actividades gandeiras. Recentemente un equipo de colegas do INCIPIT (CSIC) tamén sondeou o cículo lítico de Pena Lobeira nas terras da Arousa, sen resultados concluíntes.

Por suposto os círculos líticos da croa do San Lourenzo non son círculos líticos. Iso témolo claro. Algo é algo. Pero son pedras que nos fan pensar e que levan alí pousadas dende hai moito tempo, definindo a paisaxe. A fotografía tirada dende o dron esta semana non deixa lugar a dúbidas do alcance da actividade antrópica que deu lugar a estas moreas de pedra. Paseniñamente iremos desvelando o misterio.