O Gerardo d’Alende

bty

Documento Nacional de Identidade de Gerardo (Arquivo Familiar).

Has vir un día a casa e tócasme unha peza coa harmónica do Gerardo, que che ten un baixo moi bon! Quen así fala é a Manoela, muller nonaxenaria, viúva do Gerardo d’Alende. Tamén nos ensina con agarimo e fachenda a cadeira que empregaba o seu home, barbeiro de sona en toda a contorna. O Gerardo é o mellor futbolista que se recorda por estes lares. Estrela do clube Hércules de Cereixa, era un dianteiro rápido e técnico, cun talento innato para o jogo bonito. Incluso fora probar coa Ponferradina, malia que sen éxito. Sempre lle botou a culpa ás botas que levara, pouco apropiadas para aquel campo berciano.  Na parroquia aínda recordan virguerías do Gerardo no terreo de xogo, xa veterano, como unha vez que rematou á porta facendo o cangarexo, aquela postura acrobática que despois puxo de moda nos anos 90 Higuita, o porteiro tolo da seleción colombiana. A verdade é que o noso futbolista mantivo un tipo fino todo a súa lonxeva vida. Moi disciplinado, xa nos noventa anos de idade, camiñaba kilómetros no serán, para arriba e para abaixo, dende a Zapateira até Cavagares. De seguro que no seu maxín ía driblando contrincantes, amagando a fin dos días.

Gerardo Sanmartín Dacal naceu na última casa do barrio de Alende, pola festa do Rosario, no ano 1919. O muro no que se atopa a monumental portada fora ergueito con coios da antiga ermida que existiu no seu día no cumio do monte coñecido como San Lourenzo. Mesmo as trabes do teito da palleira procedían tamén daquel santuario. Aquilo fora na época dos seus avós, segundo el mesmo contaba. A croa do castro de San Lourenzo pertencía dende tempo inmemorial a esta última casa d’Alende. De cativo, Gerardo levaba alí a avenza e dábase baños de sol no inverno, entre as paredes esborralladas da igrexa. Non quería facer caso das historias que sentía ao sopé da lareira, de bico da súa avoa. Seica unha moura do castro entrara en tratos cunha nena de Cereixa, de nome Mariquiña. A rapaza non foi quen de manter o segredo e desapareceu. Cando a veciñanza procuraba a rapariga ao berro de Mariquiña! sentiuse unha voz de aló do fondo do castro que dicía: Nin que Mariquiña, nin que Maricuela, por ser lengoreta está en la cazuela! Xa se sabe que os caníbales falan castelán.

Como escolta do Batallón de Trabajadores nº 1 de Barcelona (circa 1940).

Como escolta do Batallón de Trabajadores nº 1 de Barcelona (circa 1940). Anicado, no centro. (Arquivo familiar).

Cando Gerardo entrou na mocedade, foi reclamado para ir á guerra. Tiña dazaoito anos. Aquel drama xa acabara coa vida duns cantos rapaces de Cereixa, coma o seu veciño da Zapateira, O’Regueiriño, ferido de morte en Xixón no asalto ao cuartel de Simancas, en agosto do 36. O exército sublevado seguía mobilizando quintas, co gallo de asestar o golpe definitivo ao Exército Popular. Non atendía a idades nin delicadas situacións familiares. O Gerardo formou parte do que na parte republicana alcumaron a Quinta do Biberón. Desde a aldea, carne de canón, foi enviado directamente á que probabelmente foi a primeira batalla da 2ª Guerra Mundial. En xullo de 1938 a República xogou a última baza para reverter o curso da guerra e lanzou unha ofensiva por sorpresa. Divisións enteiras cruzaron o río Ebro co obxectivo de recuperar terreo e voltar unir a Catalunya aillada co resto do territorio da República. Aquilo foi un inferno na terra que durou case catro meses. Franco, en vez de replegarse, decidiu, coma sempre, loitar por cada metro cadrado nun terreo montañoso sen interés estratéxico algún. Como el dicía: Teño o mellor do Exército Vermello nunha ratoneira, e non vou deixar pasar a ocasión. Esta estratexia suicida precisaba de peóns no taboleiro de xadrez, e un deles foi Gerardo. Na cociña da súa casa da Zapateira, mentres a Manoela tizaba na bilbaína, contábame a salvaxada aquela. Esbagoaba ao lembrar a morrida morte de dous compañeiros, dous irmaos da parte de Coruña, que ficaron na trincheira estarricados por mor dunhas balas explosivas. Cunha memoria prodixiosa, Gerardo tiña gravado a lume aquela paisaxe, debuxaba no ar formas topográficas e recitaba esa toponimia ligada para a sempre á morte: Pàndols, Cavalls, Camposines…

Como escolta do Batallón de Trabajadores nº 1 de Barcelona (circa 1940).

Como escolta do Batallón de Trabajadores nº 1 de Barcelona (circa 1940). É o primeiro da esquerda (Arquivo familiar).

Este sobrevivinte do Ebro fixo o resto da campaña de Catalunya e entrou en Barcelona desfilando pola Diagonal. Cando semellaba que o seu devalar bélico rematara para sempre, o rapaz d’Alende sufriu o que se chamou a mili de Franco. Como o seu colega Ramón de Piñeiros, papou uns cantos anos máis de exército, obrigado polos intereses xeoestratéxicos do Caudillo. Trala Victoria veu a limpeza. En Barcelona, durante dous anos foi destinado como escolta a un campo de concentración, velando polos prisioneiros políticos do Batallón de Traballadores nº 1. O sistema de Redención de Penas lexitimaba o emprego de mao de obra escrava republicana para obras públicas e privadas. Malia todo, o Gerardo fixera amizade con varios presos e lembraba as malleiras que lles metían os roxos nos partidos de fútbol. Mal alimentados e exhaustos, aínda así gañaban aos centinelas. Cando mo contaba eu maxinaba a Gerardo como Pelé no filme de Evasión ou Victoria. A IIª Guerra Mundial avanzaba e Franco dispúxose a resistir a toda costa. Moitos deses traballadores foron enviados dende 1944 aos Pireneos a construír unha liña fortificada para evitar unha invasión, xa for nazi ou aliada. Do mesmo xeito mobilizou o Exército para protexer as costas españolas, estableceu baterías de costa e ordeou escavar trincheiras nas praias. Así foi como o noso Gerardo foi trasladado a Ferrolterra, á batería de costa de Pena Roiba, en Doniños, para poñer a punto e agardar o futuro inimigo termando de dous canóns Vickers. Até que Hitler se suicidou en Berlín. Sete anos despois de ter marchado da casa, voltaba a Alende o noso Gerardo. Seguía sendo bo mozo. Casou coa Manoela e trasladouse uns metros máis abaixo, á Zapateira, á casa matricial da súa dona. Alí atendeu como barbeiro durante décadas e traballou canda o seu cuñado, O’Regueiro, no negocio da madeira. Co seu mostacho impecable e a súa elegancia natural, sempre o recordo dende neno coma un actor ou un espía británico, daqueles que se movían entre Lisboa e Vigo na época do wolframio. Un gran tipo, afable, simpático e educado, que desfrutaba contando aqueles anos da postguerra en Barcelona.

bty

Na batería de costa de Pena Roiba, Doniños. (circa 1944). (Arquivo familiar).

O castro de San Lourenzo non se pode entender sen o Gerardo d’Alende. De feito, o sitio arqueolóxico existe grazas a el. A comezos dos anos 70, as obras de construción da N-120 de Logroño a Vigo abriron un cobizado nicho de negocio. A obra precisaba de area de boa calidade e esa area existía na bacía media do río Saa. Aquela lagoa inmensa de hai millóns de anos deixou a súa pegada de arxila e area na cadea de outeiros que devalan entre a Cha de Castrosante e o río. Daquela proliferaron pequenas empresas, como Arenas de Cereija, S.L., encarregada esta da explotación da area (laxe) no castro de San Lourenzo. Non sabemos se Gerardo non quixo incomodar os mouros, ou se lembraba con agarimo aquelas tardes infantís de inverno tomando a raxeira do sol, coma un gato, entre as pedras da ermida. Ou quizais sabía que baixo terra se agochaban riquezas, como aquelas moedas verdes que vira pola casa sendo neno e que dicían proviñan do castro. Ficará a dúbida para sempre. O certo é que Gerardo non deu permiso para que a fronte de explotación avanzase cara á croa do castro, a súa propiedade. Iso si, chegou a un acordo coa empresa: se abrían unha pista de acceso ao interior da croa el permitía que voltease a maquinaria dentro da chá do castro. E así foi como chegou a nós este lugar de memoria. No voo interministeral, feito dacabalo entre os anos 70 e 80, a avioneta de turno tirou unha foto aérea espectacular do castro. Debeu ser xusto pouco despois da paralización da extración de area. A transición democrática abría a cancela a cousas novas coma o Patrimonio e o Medio Ambiente. Nesa fotografía en branco e negro enxergamos as ruínas da capela, a pisada dos camións dentro da croa, e as pozas que paran de súpeto ao sopé da muralla meridional do antigo poboado fortificado. Un auténtico milagre.

Foto aérea do castro. Voo interministerial 1973-1986.

Foto aérea do castro. Voo interministerial 1973-1986.

O amigo Gerardo foi a primeira persoa que soubo do proxecto de recuperación do castro de San Lourenzo. Sempre xeneroso, deunos permiso e benzón para comezar uns traballos que xa non puido ver. Faleceu pouco antes. En cada atardecer, no verao, cando rematamos a xornada de escavación no castro, sempre ollo para os muros, agora rehabilitados, da capela, e lembro o heroe que sobreviviu ao século XX e conseguiu preservar este lugar, para sempre. O Gerardo do Alén, que segue a velar polo seu castro, onde, de seguro, foi feliz.