O Crowdfunding do santo

Peto1

A crise económica, seguida das tesouras dos responsables do Reino de España,  afeitou de cheo á Arqueoloxía. Nestes últimos anos, como na época da postguerra e da autarquía, houbo que botar mao da imaxinación para turrar de proxectos de posta en valor do patrimonio. Neste contexto xurde a idea de aplicar o Crowdfunding na Arqueoloxía. Os responsables de proxectos irmaos como o de Costa dos Castros son auténticos mestres en acadar cartos virtuais que se converten en reais. Nós non ïamos ser menos. Iso si, en vez de importar métodos de fóra preferimos aplicar o know-how tradicional para este tipo de casos. Porque na nosa sociedade labrega o Crowdfunding non é novo.

Peto3

Fundamentalmente era un saber de Peto, como os libros das editoriais que queren chegar a todo tipo de públicos. Este peto, semellante ao peto esmoleiro, ideouse para unha prática concreta: pedir para a festa. Normalmente dous prohomes da comisión percorrían as festas das vilas e parroquias veciñas e as feiras para recadar doazóns para a festa da parroquia. A tradición oral é rica en historias de petos, porque xa se sabe que o alcool rega estas transacións económicas mentres se papa no polbo ou se buscan adeptos á causa en cantinas e tabernas.  Moitas veces Lo petaban.

Peto5

Estes petos quizabes estean máis xunguidos á realidade material cós petos de ánimas. Na parroquia de Cereixa sempre houbo un bo coñecemento da materia prima, da madeira, para levar a cabo toda unha artesanía que foi paseniñamente desaparecendo. Sábeo ben o escultor Leiro. En Cereixa houbo bos zoqueiros. Mesmo nas cantigas tradicionais quedou reflectido este vencello entre árbores e homes:

Meu Santo San Blas de Viana,
feito de pau de amieiro,
irmao das miñas angrellas,
criado no meu ribeiro.

Outro día falaremos deste vencello entre árbores e santos. Hoxe toca falar do noso peculiar Crowdfunding. Para facer o peto do San Lourenzo contamos coa axuda inestimable dun home da Terra da Soneira, vello amigo experto en lides castrexas, guía do castelo de Vimianzo, aí é nada. O seu obradoiro é o escenario no que nestes intres está nacendo o noso peto. Este traballo de artesán ten un aquel arqueolóxico, xa que podemos seguir toda a cadea técnico-operativa, dende a seleción da materia prima, pasando por falar co crego para copiar modelos dos petos existentes, até o acabado final. Dunhas táboas de freixo, o bo facer do noso ebanista-carpinteiro acada unha obra mestra na liña da cultura popular.

Peto7

O’Corenta da Ponte traballaba ben a madeira. Aínda se conservan na casa familiar os chineiros feitos da súa mao. Na igrexa de Cereixa contamos con outra obra súa, o reclinatorio que lle fixo á veciña Carmen Ayán, dona do seu compadre, O’Turín. Estes artesáns do pobo, moi intelixentes, inspirábanse tamén na arte sacra. É curioso como aquí O’Corenta reproduce os moitos ornamentais que se poden ver aínda en retábulos do século XVIII e que os artistas do pobo reproducen en cabeceiros de cama, en rolos e en xugos.

DSCF0010

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Grazas ao noso artesán de Vimianzo, este día 21, sábado, poderemos pedir para a festa do San Lourenzo (10 de agosto), no xantar parroquial organizado pola Asociación de Veciños María Castaña en Os Carballos (outra vez as árbores) para conmemorar as Letras Galegas.

Peto9

Peto10

Peto 12

Peto 13

Esta historia publicouse en O santo.