Un poboado mineiro?


Cereixa en 1956, na foto do ‘voo americano’. Destacados, vedes á esquerda o castro de San Lourenzo e á dereita a explotación mineira do ferro do Escourial.

A nosa hipótese é que o Castro de San Lourenzo foi un poboado mineiro de época romana, recollendo a vella tradición galaica de grandes defensas e foxos, pero empregándoos agora como parte dos novos traballos implementados polo poder romano: tecnoloxías hidráulicas e de extracción de mineral. San Lourenzo está rodeado, ademáis, de espazos contrastados de explotación mineira. 

A problemática dos denominados castros mineiros relacionáse, en grande medida, co inicio da exploración mineira romana no Noroeste Peninsular, a partir da cal xurde, supostamente, un novo tipo de asentamento vencellado directamente coas zonas mineiras, asemellándose a un castro, mais aparentemente sen función defensiva ou estratéxica, sen relación cos anteriores poboados fortificados da Idade do Ferro.

Recentemente, na zona do val do Miño tamén foi identificado um conxunto de poboados deste tipo, xurdindo igualmente integrados entre os traballos mineiros, que son os que definem a súa morfoloxía, e con foxos escavados con forza hidráulica. Entre estes, destaca o Castro de A Graña (As Neves, Pontevedra), que semella ter tido o seu momento fundacional no século I d.C., onde, xunto a material romano, apareceu tamén cerámica de tradición indíxena. Segundo os mesmos investigadores, a implantación da minería romana tivo un real e profundo impacto na organización do poboamento, se ben á diferenza doutras zonas como Las Médulas,  a transformación parece ter sido dunha escala diferente, aínda que dentro do mesmo proceso histórico.

Foxos que poden ser canles de auga

O castro de San Lourenzo comparte os mesmos rasgos formais que estes asentamentos anteditos. Así pois, os castros mineiros caracterízanse, na súa maioría, por teren uns potentes sistemas de delimitación escavados con tecnoloxía mineira. Desta xeito, adoitan empregar a rede hidráulica das propias minas para a elaboración dos fosos de delimitación do recinto. Neste senso, a pesar destes poboados estaren profundamente integrados nas exploracións mineiras e os propios fosos ter sido escavados utilizando a propia rede hidráulica das minas, estes semellan ter tido unha funcionalidade máis relacionada coa propia delimitación dos sitios. No caso de San Lourenzo, os foxos puideron ter servido para canalizar auga para as frontes e gavias mineiras.

Dacordo cos exemplos escavados, a ocupación deste poboados correspóndese cun primeiro momento de exploración mineira, que proseguiu incluso despois de que estes poboados fosen abandonados . A Corona de Quintanilla, por exemplo, é supostamente de un castro mineiro expresamente habilitado para albergar a man de obra indíxena que traballou nas exploracións auríferas de La Valduerna entre os anos 15/20 e 60/70 d.C.

Deste xeito, o castro de San Lourenzo replica o modelo de emprazamento destes asentamentos, sempre situados en localizacións atípicas tendo en conta a lóxica locacinal prerromana, exemplificada na veciña Coroa do Castro. No caso do San Lourenzo, a variable máis importante na súa localización é a proximidade ás exploracións mineiras e infraestruturas hidráulicas.

Así e todo, é importante ter en conta que formalmente estes asentamentos continúan a ser castros, a pesares de xurdiren co reordenamento do poboamento motivado pola exploración mineira romana. A fortificación segue a ter un sentido para as poboacións indíxenas, que supostamente traballan agora nas minas. Os foxos son escavados aproveitando a forza da auga, unha técnica romana, a pesar de non teren agora valor funcional, polo que o seu mantemento poderá ser entendida dun ponto de vista da tradición.

Minas nas proximidades do castro

A enquisa etnográfica aportounos datos sobre a existenza da mina de ferro coñecida como O Burato dos Mouros, así como da utilización do castro como zona de extracción de pedra para a construcción das casas do lugar de Alende. Asemade, algúns dos antigos traballadores na canteira aseguráronos que se atopara un camiño de acceso ao castro, con marcas de rodeiras, así como utensilios de ferro. Outro dato fundamental para acadar unha valoración arqueolóxica da funcionalidade do xacemento é a presenza de pequenas explotacións auríferas no entorno inmediato do castro (reflectidas no microtopónimo mineiro As Grovias) e a existenza dunha parcela próxima ao lugar de Nogueiras, ao carón do río Saa, coñecida coma O Escourial.

Neste lugar vénse ciscadas aínda numerosas escouras de ferro que delatan a utilización dunha tecnoloxía de procesado de mineral mediante a utilización de fomos reductores con sangrado de escoura, introducidos por Roma no NW. O tamaño inxente deste escourial dedúcese da recollida sistemática de escouras na década de 1960 por unha empresa siderúrxica asturiana, así como a súa utilización para pavimentar as pistas da parroquia deica o seu asfaltado definitivo a comezos da década de 1990. Esta confluencia de datos permítenos tracexar a hipótese de que o Castro da Lende puido ser un poboado metalúrxico especializado na extración e produción de ferro, enmarcado dentro do sistema de explotación sistemática do territorio desenvolto polo poder romano, á semellanza do que acontece na Zona Arqueolóxica das Médulas, na que o reordeamento do territorio e a configuración dunha paisaxe mincira conlevou a aparición, non só de explotacións a grande escala, senón tamén o xurdimento de poboados metalúrxicos especializados coma o castro de Orellán.

En definitiva, partimos da hipótese de que o castro de San Lourenzo é un deses primeiros castros mineiros ergueitos polo exército romano nun primeiro momento (época de Tiberio-Claudio) de exploración mineira imediatamente anterior ao inicio da exploración masiva dos recursos mineiros por parte de Roma nas bacías do Saa e do Cabe.