O castro

O Castro d’Alende ou San Lourenzo é un sitio arqueolóxico que se atopa na parroquia de San Pedro de Cereixa (Pobra de Brollón, Lugo) sobre a marxe dereita do río Saa na pequena dorsal que serve de transición entre a penichaira de A Cha de Castro e o val fluvial. O castro é un poboado fortificado ergueito trala conquista romana para albergar os traballadores nas explotacións auríferas da bisbarra, entre os séculos I-II da nosa era. Probablemente estivo vencellado tamén á metalurxia do ferro, polo que se trataría dun poboado especializado dentro da rede de castros que controlaban a minería nas bacías sedimentarias dos ríos Lor, Saa e Cabe.

En época medieval a poboación labrega de Cereixa construíu unha ermida na honra de San Lourenzo, que foi rehabilitada en 1876 para caír despois no abandono. A fins dos anos 60 e comezos dos anos 70 a ladeira suroeste do castro viuse afectada por unha explotación de grava e area. Actualmente a superficie do castro está ocupada por vexetación autóctona (nomeadamente carballos) e monte baixo.

Un espazo fortemente defendido

O castro de San Lourenzo presenta un perímetro total de perto de 8.800m2, incluíndo unha terraza secundaria situada ao Este do conxunto. O asentamento presenta un primeiro recinto circular cinguido por unha potente muralla aterraplenada. Nalgúns tramos aínda se enxerga o muro de cachotería da cara externa da muralla, ergueita con cachotería a base de coios de cuarcita. O acceso á croa probablemente se ubica na estrema NE onde se empraza a cota máis alta do castro e quizabes se ubique un torreón defensivo vencellado á porta. Como singularidade cómpre remarcar a presenza dunha sorte de muradella discontinua en dirección N-S que divide a croa en dúas partes, e que non se corresponde cun valado de linde xa que non ten nada que ver co parcelario tradicional da zona.

Que agacha a vexetación do castro?

Os nosos técnicos elaboraron unha imaxe tridimensional do que o castro agacha baixo a densa vexetación. Move a ferramenta a esquerda e dereita e compara a vista do 2010 coas impresionantes estruturas que están tapadas pola maleza.


Defensas típicas dos poboados mineiros

A este primeiro recinto xúnguese pola cara E unha segunda muralla que acota un espazo de reducidas dimensións, nada semellante ás terrazas que adoitan forman parte dos poboados fortificados da Idade do Ferro. No extremo S, case sobre o parapeto, ubícase a bocamina coñecida como O Burato do Mouros. Este é un elemento que consideramos diagnóstico para defender a cronoloxía romana do xacemento. Nas coroas mineiras do NW adoitan documentarse prolongacións de foxos e murallas para abranguer dentro dos recintos recursos hídricos e mineiros importantes. Sos os chamados brachia, liñas de defensa que aseguraban a conexión da estrutura dortificada principal con outras estruturas de fortificación secundarias e/ou determinados puntos estratéxicos. Este sistema de brachium (liñas de fortificación saíntes do recinto fortificado cun propósito defensivo prático) documéntase mesmo en establecementos militares romanos do NW.

Nesta zona E do castro de San Lourenzo (a de meirande accesibilidade dende as terras chas da Agra de Castro) concéntranse as estruturas defensivas, cun doble sistema de foxos e contrafoxos, na liña dos fosos dúplices característicos dos castros mineiros romanos, como os coñecidos para a zona de Asturias occidental.

Tecnoloxía hidráulica

A croa e o seu recinto oriental aséntanse sobre unha terraza que se estende ao longo do arco SW- E, cinguida pola súa vez por senllas vagoadas conformadas por antigas gavias mineiras, coñecidas na microtoponimia local co nome de As Grovias. Ambas as dúas trincheiras parten dunha gabia de exploración mineira que se estende cara o NE. A este respecto, constatamos aquí o emprego de tecnoloxía hidráulica para o deseño dos foxos do castro, algo moi común tamén nos castros mineiros romanos do NW da Península Ibérica. Este aspecto xa fora sinalado na fotointerpretación feita por L. F. González na ficha do xacemento (arquivo da DXPC).

O camiño de carro tradicional de acceso á croa do castro discorría ao pé da terraza W, polo foxo exterior do poboado. Co gallo da laboira extrativa dos anos 70 abriuse con maquinaria pesada unha pequeña pista no extremo SW do recinto principal, seccionando a muralla nese sector. O camiño atópase cuberto de vexetación na actualidade.