O castro comeza a falar

Materiais documentados en superficie

Materiais documentados en superficie

Tralos traballos de limpeza e desbroce, levamos a cabo unha prospeción intensiva para localizar posibles materiais arqueolóxicos en superficie. Tendo en conta a morfoloxía e tamaño do asentamento, non deixa de sorprender o escaso número de restos asoellados. Sen embargo, todo ten unha explicación. Segundo a tradición oral, non se recorda que na croa se desenvolvesen labores agrícolas de ningún tipo. Os carrascos e carqueixas sobor da muralla serviran de comida para o gando, pero apenas se remexeu co arado no interior. Doutra volta, a presenza de árbores indicaba a existenza dunha notable potencia estratigráfica.
Todos estes factores (pouca alteración e solo profundo) explican a escasa presenza de materiais no que chamamos a capa vexetal. De entre eles cómpre destacar a presenza por distintas zonas de cartuchos de escopetas de caza, para tirar tanto a coellos como a corzos e xabaríns. O’Corbal recorda ter abatido un corzo contra a muralla N hai moitos anos, xusto onde atopamos un cartucho de marca francesa. Esta actividade cinexética fálanos do abandono do castro, da súa conversión en monte, en área de captación de recursos. Os lumes dos anos 80 fixeron medrar incluso con meirande forza a mesta vexetación, que inzaba toda a croa invisibilizando o espazo.

Materiais arqueolóxicos documentados na escavación da capa vexetal na ermida

Materiais arqueolóxicos documentados na escavación da capa vexetal na ermida

Aparte dos materiais contemporáneos, temos outros que si nos remiten ao tempo dos antigos habitantes do castro. Na estrema norde do foxo onde está o Burato dos Mouros, demos cun anaco precioso de limonita, mineral de ferro. Nas ruínas da ermida de San Lourenzo topamos cun anaco de catillus, peza movente dun muíño xiratorio, feito en granito. Este tipo de pedra non existe aquí, xa que esta rocha aparece na zona de Sober, a uns 20 km de distancia. Ao pé da muralla, no tramo SW, recollemos un anaco de escoura de ferro, que polo sangrado nos remite a tecnoloxía romana. Un par de bordos e galbos de cerámica lisa completan a nosa pequena pero variada mostra.
Agora que comezamos a escavar, empezan a agromar as pezas como cogumelos.
O castro comeza a falar.