O burato negro

O Burato dos Mouros

O Burato dos Mouros

Non fai falla ser Eduardo Punset para saber que nos buratos negros se agochan os misterios do tempo e do universo. Os arqueólogos e as arqueólogas, cando comezamos a escavar un sitio, acabamos inmersos no noso particular burato negro, onde temos que esclarexar cuestións vencelladas ao espazo (xacemento), á materia (o rexistro) e ao tempo (cronoloxía).

No castro de San Lourenzo temos uns cantos buratos. O primeiro deles, O Burato dos Mouros, na estrema meridional do primeiro foxo oriental. Esta é a porta ao mundo soterrado. Aquí tiñan os mouros unha cadea de ouro para coller a auga no río. Seica de noite sentíase rombar a roldana. Este Burato é un pasadizo para viaxar no tempo. Outro día falaremos dun personaxe vencellado a este sitio, o noso Sísifo de Cereixa.

O burato na base da talla do San Lourenzo

O burato na base da talla do San Lourenzo

Outro burato acaba de aparecer. A nosa restauradora Marien na cura que está facendo á imaxe do San Lourenzo vén de localizar no pé da talla unha evidencia clara de que en tempos o santo foi levado en procesión: un buratiño para encastrar o santo nas andas. Suso O’Corenta lembra a última rogativa que se fixo en Cereixa para que chovera. Foi contra 1960. Leváronse ao río dúas imaxes, a Virxe do Rosario e outro santo que non lembra ben, pero que sen dúbida sería o San Lourenzo, santo hidróforo que chama á auga.

Un dos buratos feitos por buscadores de tesouros dentro das ruínas da capela

Un dos buratos feitos por buscadores de tesouros dentro das ruínas da capela

 

 

Despois do Burato dos Mouros e o burato do santo, aínda topamos con outros buratos. Semella que neste castro non cómpre ter arqueólogos para escaravellar e afuracar. Trala limpeza das ruínas da capela no comezo da escavación arqueolóxica detectamos até seis fochancas feitas en tempos por buscadores de tesouros. Esta xente chegou á cota superior do nivel de ocupación galaicorromano, por iso aparecen esparexidos polo derrubo da capela materiais arqueolóxicos desa época (cerámica común romana, anacos de ánfora, pesas líticas para soster o colmo do tellado…).

Seguindo con esta longa tradición vesánica chegamos nós no século XXI para facer o noso particular burato, para, de novo, viaxar no tempo, procurar o rastro dos antigos, buscarmonos a nós mesmos.