Durante uns meses o Museo de Pontevedra albergou a exposición Galaicos: un pobo entre dous mundos, un percorrido polas relacións entre o Atlántico e o Mediterráneo durante a Idade do Ferro. O relato alicérzase nos achados arqueolóxicos en varios castros senlleiros da provincia de Pontevedra. Tiven a inmensa sorte de poder axudar nos últimos anos a recuperar algúns deles, como Castrolandín na Terra Termarum de Cuntis ou A Lanzada en Sanxenxo. Malia esa complicidade cos lugares anteditos, eu só tiña ollos para a vitrina e o cartaz dun poboado fortificado, penedío e pequerrecho, emprazado en terra de petróglifos: o castro de Penalba. Alí comezou a miña aventura arqueolóxica que dura até hoxe. Non podía ser doutro xeito. O castro da miña aldea conta con lendas de serpes que maman dos tetos das vacas e cos restos dunha ermida adicada a San Lourenzo. Porén, non hai nada raro na orixe da miña afección científica: o castro de Penalba conta coa Pedra da Serpe, un ofidio gravado na rocha que favorece a fertilidade das rapazas, e cunha capela na honra de San Antón na que aínda a día de hoxe se fai a romaría máis sonada de todo Campolameiro. Alá me levou meu pai con dez anos, en xullo de 1987, para ver por vez primeira na miña vida unha escavación arqueolóxica. Un chanzo máis nunha angueira que comezara meses antes, cando o arqueólogo do Museo, Antonio de la Peña Santos, viñera impartir unha aula ao meu colexio do Álvarez Limeses. O impacto en min foi máis grande cá visita unhas semanas antes á veciña Policía Nacional, onde nos ensinaran con fachenda todo o material antidisturbios, bastante máis impactante a priori. O caso é que apañei unha desas papeletas alaranxadas para votar ao Senado, escribín Laboratorio de Arqueoloxía e púxena na porta do meu cuarto. O meu convencemento era tal que papá non tivo máis remedio ca ir á libraría Michelena e mercarme un manual de introdución ao estudo da prehistoria e a arqueoloxía de campo. Papá agarimaba os libros e artellaba unhas coidadas camisas de plástico para protexelos, como as camisas que as serpes deixaban estradas nas pedras do castro, cando trocaban a pel. Aí segue o plástico cumprindo a súa función, como segue tamén de marcapáxinas a pegatina con forma de maillot do equipo Reynolds. O ciclismo era outra manía miña daquela, pero esa quen a sufría máis era mamá, mercando o aluminio do ciclistas un día si e outro tamén. Dese libro fascinábame o método das cadrículas Wheeler e a estratigrafía da cova cántabra de El Castillo. Con esas imaxes no maxín, marchamos a coñecer unha escavación arqueolóxica de verdade ao castro de Penalba. De alí volvín cun anaco de cerámica decorada, a primeira peza a ser tratada no meu laboratorio doméstico, e decidido a ser arqueólogo no futuro.

Introducción al estudio de la Prehistoria y de la Arqueología de Campo, 8ª edición, ed. Guadarrama. Da autoría de Martín Almagro.
Co paso do tempo, creo cada vez máis no destino, e o meu devalar arqueolóxico é toda unha sucesión de encontros que explican gozosamente o presente. O proxecto do castro de San Lourenzo non se pode entender sen o castro de Penalba na década de 1980. O director daquela escavación chamábase Antonio Álvarez Núñez. Militar retirado, estudou Arqueoloxía en Compostela na segunda metade dos anos 70. A súa profesión era A.T.S., o que a xente chama praticante, e estivo destinado no concello pontevedrés de Campolameiro. O tema é que tamén praticaba a súa paixón, a Arqueoloxía. El foi a persoa que catalogou, investigou e revalorizou o conxunto de arte rupestre máis importante de Europa, canda Valcamónica en Italia. Colaborador do Museo de Pontevedra, formou parte do programa de escavacións que levaron a arqueólogos como el ou Antonio de la Peña a intervir en castros da provincia. Naquel verao de 1987 Antonio adicou tempo a un rapaz que quería ser arqueólogo. Non o volvín ver máis até oito anos despois. Antonio marchara de praticante á Terra de Lemos, primeiro a Ferreira de Pantón e, logo, o que son as cousas, á nosa Pobra do Brollón. Seguiu escavando castros como o de Barán ou o da Torre en Sobredo, nos eidos do Caurel. Seguindo o meu destino, cando rematei o primeiro curso de Historia en Compostela, tiven a oportunidade de participar na miña primeira escavación arqueolóxica como estudante en práticas, e cal foi? No castro da Torre, con Antonio Álvarez. De práticas cun praticante. De carácter e temperamento forte, o praticante da Pobra contaba coa xenerosidade como virtude. Aquel mes de agosto, na casa Tino de Folgoso, circulando nun Land Roble do Telúrico e sen perder unha soa festa noitarega, é inesquencible para min. Antonio tivo o detalle de enviarnos tempo despois unha carta cunha foto do equipo de escavación, que semellaba máis unha cuadrilla de mineiros coa faciana moura, alí onde zoan todos os ventos.

Antonio Álvarez (segundo pola esquerda) con amigos ligados ao Museo de Pontevedra, entre eles, Antonio de la Peña Santos. Antonio faleceu en 2010.
O último artigo do prócer da proteción do patrimonio arqueolóxico en Galicia, Manuel Chamoso Lamas, titúlase “El factor pasión en Arqueología”. Podía telo asinado Antonio, quen na década de 1990 chantou os alicerces do que despois veu, como ese xeoparque da UNESCO que tanto lle debe ao seu propio fillo Iván, arqueólogo como el. O praticante da Pobra aproveitaba a súa ascendencia coa veciñanza para convencer os paisanos do valor dos castros e das minas de ouro dos romanos. En Cereixa, o meu padriño Vicente, dono do Burato dos Mouros, lembra como o praticante insistía en que non se lle tocara ao San Lourenzo, que xa moito sofrera coa canteira de area. Antonio axudou a crear canteira entre a xuventude, e mesmo tivo moito que ver na realización do primeiro artigo científico publicado sobre o castro da Lende ou San Lourenzo, da mao dunha muller. A primeira arqueóloga que se fixou no noso castro. Diso falaremos no vindeiro post.