Voltaron os mouros ao castro

Entrada atuada ao Burato dos Mouros

Entrada atuada ao Burato dos Mouros

Este val do río de Cereixa sempre estivo xunguido ao mundo. Terra de emigrantes, agora recibe xentiña de fóra. Como eses homes da Europa oriental, criados entre tocóns inmensos e bosques milenarios, verdadeiros mestres do sector forestal, afincados agora entre nós. O ano pasado, na equipa de desbroce de Becerreá que limpou a croa do noso castro, acompañounos un xigante moldavo. Faltábanlle dúas dedas da mao dereita e sobráballe curiosidade científica. El deseguida entendeu como era un castro mineiro romano, porque coñecía ben o impacto da minería aurífera en Romanía. A antiga Dacia e a Gallaecia eran as dúas provincias que fornecían de ouro ao Imperio. O noso compañeiro moldavo acertou a dicir: Se se atopa o ouro dos romanos, Galicia deixaría de se pobre! Isto dito por un moldavo, é moito dicir.

Un ano despois, chega ao castro outra partida para limpar os rebrotes que inzan a croa. De entre eles, o máis falagueiro é Alí, un marroquino oriundo da cidade de Tetuán. Alí veu de alá, vive aquí e cre en Alá. De feito participa do xexún do Ramadán e atura como pode a calor abafante tirando de Fontecelta. Ao rematar a xornada achégase ao sector 02 da escavación e pregunta polos achádegos. Cóntanos cuns ollos picarentos que en Tetuán os anciáns gardan uns pergameos antigos nos que se recolle a ubicación exacta de tesouros pagáns agochados baixo terra. Para desencantalos cómpre ter coidado, porque por baixo do tesouro pode estar agochado un diaño. O relato de Alí deixounos de pedra. En Tetuán tamén teñen o seu particular Ciprianillo e a súa versión da Caixa de Pandora. Nós retrucamos a Alí falándolle do seu Burato, o Burato dos Mouros, e de como moitas veces baixo os castros hai dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán, que hai que saber elixir para que o conto remate ben.

Don Esteban 2

Os mouros  do século XXI voltaron ao castro. De seguro que os devanceiros de Alí en Tetuán falaron con labregos lemavos enviados ao Rif a loitar contra as cabilas. Neses intercambios seica os mouros enviaban saúdos aos seus parentes dos castros de Lemavia e mesmo cedían o sinal para recuperar os tesouros que deixaron cando a Mourindade abandonou a terra de Santiago Apóstolo. A historia vén de lonxe. Os cidadáns lemavos tiñan unha unidade de cabaleiría propia no exército romano. Estes cabaleiros foran enviados a África, á Mauritania, a loitar contra os mouros. Aínda se preserva por aqueles lares algunha estela funeraria lemava.

Historias de ida e volta… durante dous mil anos.