Viaxe cara ao centro da Terra

Tócame o corazón e verás que o meu soño é

a única certeza arqueolóxica que existe ante os teus ollos

afeitos a escrutar as capas calcolíticas do vento.

Olga Novo, Carbono 14 e moito amor.

 

Arqueoloxía é Poesía. O galego é o idioma dos trobadores e de Fermín Bouza Brey (1901-1973), o poeta que asina canda Cuevillas a primeira síntese científica da Arqueoloxía galega: Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza (1929). Un pode percorrer a beiramar do Castro Pequeno de Neixón lendo a fermosa descrición que del fai este prehistoriador-neotrobadorista; a nao senlleira da súa lírica escoa aínda hoxe entre os salseiros da enseada de Rianxo. Fermín, seguindo o exemplo de Castelao, marchou á Bretaña francesa á procura das pegadas materiais das relación atlánticas entre os pobos irmaos célticos de Armórica e Galicia na Prehistoria.

Boucher-de-Perthes

Jacques Boucher de Perthes (1788-1868) era un funcionario de alfándegas pero, paradoxalmente, non defendía nin coñecía as fronteiras do coñecemento. Fillo da Enciclopedia e da Ilustración, este intelectual polifacético, poeta e dramaturgo. foi un deses primeiros románticos que esculcou no folklore das comunidades labregas o espírito dos pobos antergos. Na Baixa Bretaña escolmou romances, cantigas, lendas e cancións, que reinterpretou no seu libro Chants Armoricans. Para el este leigado da literatura popular remite á Armórica céltica. Nesas páxinas explícanos que os galos loitaban nus pero que copiaron a moda romana de guerrear cun capacete metálico na testa. Tamén lembra ao leitor como na Bretaña cada pedra, cada outeiro, cada vello castelo ten o seu encanto e o seu xenio. Boucher de Perthes ollaba a paisaxe guiado pola memoria do pobo. Nos seus paseos polas terrazas fluviais do Somme e nas canteiras de extración de area, como membro da Societé de Emulation de Abbeville, comezou a fixarse naqueles sitios onde os paisanos sinalaban a aparición de grandes ósos do que semellaban elefantes. Así foi como se converteu no pai da Prehistoria como disciplina científica ao publicar en 1847 Antiquités Celtiques et Antédiluviennes. Como lle acontecería a Sautuola décadas despois, Boucher houbo de defender as evidencias materiais que vencellaban fóseis de especies extinguidas e ferramentas feitas en pedra con determinados estratos xeolóxicos antediluvianos. A década de 1860 foi a da súa consagración e recoñecemento internacional. Un ano antes de morrer, os bifaces de sílex atopados por el no Somme eran unhas das pezas estrela da Exposición Universal de París. Esta exhibición amosaba a crenza no Progreso das potencias europeas. As modernas tecnoloxías liberarían o xénero humano, permitirían exploracións de lugares descoñecidos e obrigaríannos a acreditar nun futuro case de ciencia-ficción. O encargado de reflexar todo este contexto histórico nunha literatura de masas foi un veciño de Boucher de Perthes chamado Xulio Verne (1828-1905), quen conta a día de hoxe con monumentos e museos na súa cidade natal, Nantes, a capital da Bretaña francesa. Verne iniciou en 1864 unha serie de novelas publicadas polo editor Hetzel e que se converteron en auténticos best-sellers, até hoxe. A primeira entrega desa colección foi Viaxe cara o centro da Terra. Nela, o escritor bretón amosa un coñecemento erudito da Xeoloxía e da recén nacida Prehistoria. A aventura é protagonizada por un mineraloxista xermano, o profesor Otto Lidenbrock e o seu sobriño Axel. Guiados por un códice vikingo son quen de adentrarse no globo terráqueo por un volcán islandés.

Biface de Boucher de Perthes Muséum de Toulouse

Bifaces recolleitos por Boucher de Perthes. Museo de Toulouse

Verne coñecía de primeira mao as descobertas dos pioneiros da Prehistoria como Cuvier, Edwards, Quatrofages e Boucher de Perthes, como vemos nos capítulos finais da obra, onde tío e sobriño descobren unha sorte de cemiterio de monstros antediluvianos, que o autor cita nunha sorte de letanía ao xeito das maldicións do capitán Haddock: leptoterios, mericoterios, lofodontes, anoploterios, megaterios, mastodontes, protopitecos e pterodáctilos, Mesmo cita, no comezo do capítulo XXXVIII, o achádego, un ano antes, o 28 de marzo de 1863, da mandíbula humana de Moulin Quignon, nunha escavación promovida polo propio Boucher de Perthes. Toda unha proba irrefutable da coexistencia do ser humano con aquela fauna extinta. Otto e Axel mesmo atopan o esqueleto fosilizado dun home prehistórico. A noviña Paleontoloxía entraba pola porta grande na literatura universal.

Viaje al centro de la tierra

O meu pai tiña as obras completas de Verne nunha edición de luxo que sobranceaba nun estante senlleiro da súa biblioteca. Aquelas leituras súas de adolescente (Verne, Salgari, Scott) márcárono e acaían ben á súa curiosidade científica e naturalista. El era Otto e eu Axel, explorando o castro de San Lourenzo e esa entrada ao mundo subterráneo que é o Burato dos Mouros. Para a nosa xente os castros están ocos por dentro, e alá embaixo viven os mouros. Tamén Verne bebía desa vella tradición que vía as entrañas da Terra coma un inmenso baldeiro con vida de seu.

Toda esta arqueo-xeoloxía é desenvolta por Olga Novo, poeta da aldea de Vilarmao, en Castroncelos, antigo poboado fortificado que se vei dende o noso San Lourenzo:

Mírote e sei

que o poema era unha pedra

porque o amor é material exactamente igual cá orixe ígnea

do granito da carretera.

 

Porque non agardamos o impacto do imprevisible

asáltanos a escoura do Burato dos Mouros

e as miñas meixelas vólvense terra rubefactada

alí onde arderon carbóns dunha lareira no século I

baixo ocupación romana

extraendo minerais

da canteira

da fame.

 

O poema é unha pedra. Sabíao ben Boucher de Perthes. Bifaces que son declaracións de amor, arcas megalíticas bretoas que son sartegos de namorados. Sabíao Bouza Brey. Cons mareiros e úteis líticos de esteatita. Sabíao Castelao. Cruces de pedra que son portulanos labregos. Olga pasou unha etapa da súa vida nesa mesma Bretaña amada por eles tres. Por alá pesquisou o paso dos galeguistas poetas e humanistas, e escribiu o seu particular canto armoricano en forma de tese de doutoramento: O soño dunha Armórica Galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea. Péchase así o ciclo, a materia da Bretaña no castro de San Lourenzo.

Un castro que, como as terrazas do Somme, é unha inmensa canteira de area, onde se preservan os estratos antigos das épocas xeolóxicas máis alá da Mourindade. Porque non agardamos o impacto do imprevisible, tamén neste licín de area os arqueólogos topamos, sen agardalo, restos humanos dos nosos devanceiros. Como Otto e Axel viaxamos ao centro da nosa terra, mais non entramos polo atuado Burato dos Mouros, senón que tivemos que empregar a maxia da arqueoloxía. Como maxinaba Verne, o futuro deparou trebellos tecnolóxicos que nos permiten saber como é o mundo subterráneo dun sitio arqueolóxico sen necesidade de empregar picos nin picañas. No vindeiro capítulo amosaremos a nosa particular Viaxe ao Centro da Terra.

Perfil estratigráfico do castro de San Lourenzo. Corte da canteira de area.

Perfil estratigráfico do castro de San Lourenzo. Corte da canteira de area.