Velaí vén o noso San Brais

Ofrecendo ao San Brais de Cereixa as tradicionais cintas. (Ano 2003).

Ofrecendo ao San Brais de Cereixa as tradicionais cintas. (Ano 2003).

A parroquia de San Pedro de Cereixa é un deses lugares máxicos de Galicia onde a historia ficou en parte fosilizada na paisaxe cultural. O tradicional ciclo festivo desta comunidade rural agocha todo un calendario no que se misturan procesos de longa duración, como a cristianización de celebracións pagás e as tensións entre cultura popular e relixiosidade oficial. O interés do caso cereixano non pasou inadvertido para a investigación. Nós mesmos presentamos unha comunicación ao respecto no 11th Annual Meeting da European Association of Archaeologists, congreso celebrado en Cork (Irlanda) en setembro de 2005.

Pola súa vez, o catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela incluíu a paisaxe castrexa de Cereixa nunha ponencia presentada en 2006 no 5th International Colloquium of Anthropology of the Indo-European World and Comparative Mythology.

En toda esta historia que chamou a atención dos científicos xa hai tempo xoga un papel sobranceiro a vindeira festa do San Brais, coñecida en Cereixa como a festa dos vellos.  Segundo a tradición haxiográfica, San Brais foi bispo de Sebaste na Armenia do século IV e seica foi martirizado en época de Diocleciano.  A nosa xente lle atribúe poderes taumatúrxicos (en especial contra os males da gorxa e males de oídos). É un santo moi popular en Galicia, o que se explica polo éxito acadado no NW hispánico polos mártires paleocristiáns (Santa Mariña, San Lourenzo, Santa Lucía, San Cristovo…) que foron utilizados pola Igrexa para cristianizar cultos de orixe prerromana.

Procesión co santo arredor da igrexa parroquial (ano 2003).

Procesión co santo arredor da igrexa parroquial (ano 2003).

Na Terra de Lemos trátase dun culto moi popular (xunto con Santa Bárbara, tamén presente nun dos retábulos da parroquia de Cereixa), potenciado polos condes de Lemos no século XVI ao traeren de Italia reliquias do santo. En Monforte de Lemos soben os devotos ao mosteiro de San Vicenzo do Pino levando a bendicir cintas azuis os homes, e rosas as mulleres. e rosquillas e melindres, nunha tradición que se remonta ó século XVI. No Baixo Miño o prato típico é a cacheira, o bandullo do porco, a lingua, a pa e as chourizas. En Compostela van os devotos á igrexa de San Paio e o sacerdote ponlle ao santo unha vela en forma de U na gorxa.

Referencias:

García Quintela, M. V. 2006. «Solar Cycle and Landscape: Defining a Celtic Pattern». En M. V. García Quintela, F. J. González García e F. Criado Boado (eds.): Anthropology of the Indo-european World and Material Culture: 85-109.  Budapest: Archaeolingua.

Ayán Vila, X. M. 2008. «Microhistory and Ethnoarchaeology of a cultural landscape: the parish of San Pedro de Cereixa (Galice, Spain)». En Ann-Britt Falk e Donata M. Kyritz (eds.): Folk Beliefs and practice in Medieval Lives: 23-46. British Archaeological Reports, International Series, 1757. Oxford: Archaeopress.

Esta historia publicouse en O santo.