Unha visita a Cereixa

Cereixa é unha parroquia de A Pobra do Brollón. Como calquera comunidade rural galega, é un micromundo cheo de historias. Neste mapa podes localizar os principais sitios de interese, e pouco a pouco iremos completando a información sobre todos estes lugares.

Unha viaxe visual

Casa do Facha

Esta vivenda foi construída contra 1930 e abandonada na década de 1960. Constitúe un bo exemplo da arquitectura vernácula desta zona da terra de Lemos. Destaca a combinación de técnicas construtivas (muros de cachotería de coio e tramos de tapial). Esta casa labrega serviu de acobillo á IIª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia na segunda metade da década de 1940. O 20 de abril de 1949 foron abatidos nesta casa pola Garda Civil os combatentes antifranquistas Guillermo Morán, Julián Acebo Alberca (a) O Guardiña e Gregorio Colmenero (a) O Porreto.

A casa das Garcillanas

A tradición oral vencella esta casa grande do barrio de Alende coa ermida do castro de San Lourenzo. De feito, nas ruínas da vivenda podemos identificar elementos reutilizados da capela como unha coluna na solaina da primeira pranta e unha pedra labrada empregada na escaleira. A casa aínda conserva a típica decoración encalada con motivos xeométricos que se puxo de moda na bisbarra a fins do século XIX e comezos do XX. A familia desta casa tamén foi represaliada polas súas ideas republicanas e por colaboraren coa guerrilla.

A casa do Ramao

A rentes do camiño de Inverno a Compostela, esta casa é un bo exemplo da arquitectura doméstica tradicional desta zona da Terra de Lemos. Nun esquinal conserva a fachada completa da ermida do castro de San Lourenzo, trasladada pedra a pedra a esta nova ubicación a comezos do século XX. A inscrición do lintel fai mención a unha reforma da capela acontecida en 1876. A casa do Ramao tamén serviu de apoio á guerrilla na segunda metade da década de 1940.

A casa dos Camba

Neste solar do Barrio Falcón ubicábase o pazo dos Camba, a liñaxe fidalga máis importante da zona en época moderna, cuxos membros ocuparon cargos na administración. Segundo a tradición oral, aquí naceu supostamente María Castaña. A antiga casa grande contaba seica con capela propia. Da fábrica orixinal consérvase unicamente o arco monumental da entrada principal. Realizado en sillaría, é de medio punto e as dovelas está decoradas con volutas, seguindo o modelo dos pazos urbanos dos séculos XVI-XVII. O arco foi restaurado pola familia Lagoa-Borges.

A Coroa do Castro

Ubicado nun outeiro cun amplo dominio visual, controla tanto a bacía baixa do río Saa coma a penichaira da Cha de Castro, mantendo unhas claras relacións espaciais con outros xacementos probablemente coetáneos (Castroncelos, Castrosante, Chavaga). Posúe un recinto superior (A Coroa), de planta elíptica, que se continúa cara o W cun aterrazamento anexo. Atópase cuberto dunha mesta vexetación e non presenta un bo estado de conservación debido ás alteracións sufridas co gallo da actividade extrativa de area levada a cabo nos anos 70. O castro sería un dos poboados fortificados habitados polo pobo dos Lemavos, etnónimo recollido nas fontes clásicas que daría nome en época histórica á Terra de Lemos.

A igrexa

En Onze de Marzo de mil ochº y dos se comenzó a quebrantar piedra para la construcción de la nueba Iglesia de Sanpedro de Cereyxa y se finalizó en últimos d Agosto del mismo año; fue Domingo Antº Arca cuya estructura ajustó por veinte mil reales de los que el señor Felipe Fozara y señor de Lugo dio trece mil, Josef Benito Pérez nat. de esta y en el presente cura de San Salvador de Villauje, y arregló dio mil reales. La Fábrica contribuyó con cinco mil y la cofradía del Smº Sacramento contribuyo con otros mil, y los feligreses hicieron los carretos, y en el dia dos de septiembre la bendicio el infira escrito cura y dijo la primera misa con otros señores Sacerdotes, q asistieron a la Solemnidad, y para que conste lo anoto aquí como cura q presente estoy en ella a 6 de septiembre de mil ochocientos y dos.

Esta nova igrexa parroquial é un edificio de cachotaría, revocado, de nave rectangular con cuberta de madeira a dúas augas, ábsida cuadrangular con teito de madeira a catro vertentes e sancristía na cabeceira, mais baixa, a tres vertentes. No interior destaca o arco de acceso ao presbiterio de medio punto, lousado e espadana con dous vans. Sen dúbida, o apoio do Bispado de Lugo e o seu papel como símbolo do seu poder señorial, explica en boa media a calidade e capacidade desta construción que contrasta co resto de igrexas parroquiais da contorna.

O camposanto

A fachada do cemiterio sitúanos no nacionalcatolicismo imperante no primeiro franquismo (1950). O promotor desta NECRÓPOLIS, o crego don Plácido, foi represaliado daquela por axudar ao guerrilleiro fuxido de Repil, O Segura, ao acollelo na antiga casa reitoral (hoxe destruída). Enviado a outra parroquia da montaña, este crego marcharía ás misións a Brasil, onde chegaría a bispo. Dentro do camposanto consérvase a lápida de Felipe Osorio, veciño represaliado que estivo soterrado durante décadas fora do adro da igrexa, supostamente por terse quitado a vida.

O Escourial

Parcela próxima ao lugar de Nogueiras, ao carón do río Saa, citada como límite parroquial no Catastro de Ensenada (1753): baxando al rrio Zereixa yatravesandolo porel sitio quella man hescourial ha al marco de Rañoa que se alla en el Camino Real. Aínda se ven ciscadas numerosas escouras de ferro que delatan a utilización dunha tecnoloxía de procesado de mineral mediante a utilización de fornos reductores con sangrado de escoura, introducidos por Roma no NW. O tamaño inxente deste escourial dedúcese da recollida sistemática de escouras na década de 1960 por unha empresa siderúrxica asturiana, así como a súa utilización para pavimentar as pistas da parroquia a comezos dos 80.

Os Carballos

A eleción do emprazamento da nova igrexa en 1802 reposta a unha vontade clara de cristianización dunha carballeira centenaria, coñecida como Os Carballos, espacio comunal empregado como campo da festa profano pola xente de Cereixa dende tempo inmemorial. Así pois, de sempre serviu de marco natural e espacio ritual para a celebración de festividades ígnicas como a Noite dos Cepos na véspera do San Brais. Hoxendía alberga o centro social da parroquia, sé da Asociación de Veciños María Castaña.