Tradición oral

O castro de San Lourenzo segue sendo unha referencia no imaxinario e no folklore local. É a terra na que habitan os mouros e as mouras. Esta tradición oral é un valor máis do sitio arqueolóxico que debe ser preservado e transmitido ás novas xeracións:

Disque no San Lourenzo vivían os mouros.

O castro era un fuerte antiguo, dos romanos, os celtas que utilizaban o castro, e daquela, desde eí comunicaban por morse con Salcedo, con Chavaga, con Castrosante… O castro está atrincherado porque son serras moi cortadas e cavaban para que se lies fixera mais difícil subir; daquela a guerra era a paus, todo era bayoneta naquiles tempos.

Os mouros posiblemente son os moros; aquí reinou a mourindá nunha época e, claro, toda esa xente albergábase en sitios coma o castro, onde había bosque, metíase no bosque porque estaban acostumbrados a vivir no bosque… Houbo a guerra da mourindá e moitas outras porque viñeron generaciós que se peleaban unhos cos outros; houbo os celtas, celtíberos, godos, visigodos, os romanos; todos foron botados a paus. Hai unha historia grande diso…

Teño oído que os mouros tiñan unha cadea e unha caldeira de ouro que baixaba desde o castro hasta o río e que con ela subían a auga pro castro e depositábana no pozo que elí hai, que lle chaman o Burato dos Mouros. Dicían que había unha cadea de ouro que baixa hasta o río e que de noite se escoltaba ruxir a roldana.

Contaban que os mouros mataran unha nena por elí; seica se perdera no castro; os pais buscárona e cando berraban por ela ¡Mariquiña, Mariquiña! escoitábase a voz dunha moura que dicía: ¡Ni que Mariquiña ni que Maricuela, que tu Mariquiña está en mi cazuela! No castro dicían que había unhos pitiños que aparecían e desaparecían.

Un día unha rapaza seguiu ós pitiños e desapareceu tamén; fórona buscar e berraban ¡Mariquiña, Mariquiña!, e neso que se escoitou unha voz, dala do fondo: ¡Que Mariquiña, ni que Maricuela, por ser lengoreta está en la cazuela! Dicían que no camino do castro se vía roupa tendida ó sol nos silveiros e unha galiña con pitos pequenos e rara vez vírase unha moura peinándose, co pelo negro coma o pez e moi longo que lle chegaba ás coxas; e que nun cerrar e abrir de ollos xa desaparecía todo, a moura e as pitas.

Na Idade Media o antigo castro pagano foi cristianizado co levantamento dunha capela na honra do santo que lle dá nome. No retábulo maior da igrexa consérvase unha imaxe deste santo da que é tradición que veu da capela do castro. San Lourenzo, martirizado en Roma no s. III, é un dos santos máis antigos no culto hispánico (século V) e dos de meirande tradición en Galicia, sendo titular de 73 parroquias e de numerosas capelas, moitas delas emprazadas sobre castros. Trátase dun mártir paleocristián que, como ten demostrado F. Bouza Brey en dous fermosos traballos foi reinterpretado polo cristianismo campesiño coma un santo hidróforo, considerado como portador de auga (en virtude da tradición haxiográfica que describe o seu martirio queimado vivo nunha parrilla), substituíndo a antigos númenes ou divindades prerromanas. Este vencello popular do santo co lume levou a que fose utilizado polas comunidades campesiñas en rogativas e ritos impetratorios da choiva nos meses estivais (a festa do santo é o 10 de agosto) que en moitos casos conlevaban a inmersión da imaxe do santo. En Cereixa existía esta antiga tradición, de levar en procesión a imaxe do santo, mollarlle os pés no río e levalo ao castro o día 10. Neste proxecto contemplamos a escavación arqueolóxica das ruínas da capela e a recuperación desta romaría do San Lourenzo que se celebraba o 10 de agosto.

Foto: Ordogpeti