Pepiño d’A Fontela

Fotografía de Olga Novo.

Fotografía de Olga Novo.

Con once anos levábame meu pai a ver cousas antigas polas terras guímaras. Gostabamos de explorar en bicicleta os castros, as casas grandes brasonadas, as pontes de pedra. Nunha desas andainas chegamos á Fontela, o outadoiro natural dende o que se sobrancea a veiga do Saa e do Rubín, a rente do camiño real polo que viñeron todos os exércitos dende a época dos romanos. Alí fomos dar para ver un fermoso escudo cicelado en mármore d’O Incio. Armado coa miña cámara Werlisa tireille unha fotografía e xusto no intre de darlle ao click saiu un homiño con pucha coma un mouro agochado nunha modorra.

Era o Pepiño d’A Fontela.

Co paso dos anos decateime que as pedras antigas, os sitios arqueolóxicos, os monumentos, o patrimonio non son o máis importante. O que realmente constrúe a paisaxe cultural que temos é a xente que terma e  habita este país. A paisaxe e a paisanaxe que dicía Unamuno. Até hai ben pouco, a imaxe conxelada de Pepiño naquela foto de 1987 mantívose durante tres décadas. Para min que non pasaba o tempo por el, algo típico dos trasgos, dos mouros, dos seres míticos, daqueles cuxa memoria perdura eternamente. Ao entrar na vila da Pobra do Brollón era raro non ver este home bulindo polos rueiros da capital guímara, sempre con eses ollos de pícaro e un sorriso na faciana, sempre disposto a poñer en dúbida a orde establecida. Pepiño sempre nos tratou con agarimo cando nos deu por dar a coñecer o patrimonio guímaro. A primeira vez que fomos coa rapazada do colexio público d’A Pobra, el e maila súa dona fixéronos unha explicación maxistral do escudo da súa casa. Todo un luxo. Mesmo Pepiño teimou en facer pública a pinacoteca doméstica do seu fogar. Coma  un restaurador do Museo do Prado, amosaba aos presentes un cadro que representaba ben o lanzal piñeiro d’A Pobra. Aquilo foi unha experiencia fantástica e unha chamada de atención a todos aqueles científicos e técnicos que consideran que cómpre concienciar patrimonialmente á nosa xente. Manda chover na Habana! Eles si que son labregos con  ciencia e con conciencia, parafraseando a Lourenzo Fernández Prieto.

A última vez foi en setembro pasado, cando organizamos dende o proxecto de San Lourenzo un roteiro etnohistórico pola Pobra. De novo Pepiño abriunos as portas da súa casa. De novo, coma en 1987, fixo gala do seu talento para aparecer no intre xusto. En plena explicación, alí nos trouxo un retrato do Che Guevara. Aquilo foi un momento revolucionario na chamada Interpretación do Patrimonio. Todos e todas os que estabamos alí decatámonos da xenialidade de Pepiño d’A Fontela.

Pepiño é un personaxe digno de figurar en Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro. Cando o mindoniense escribiu o limiar estaba describindo a galegos como Pepiño:

Hai neles unha onza en cadaqué, do ser galego, e repartido entre toda esta xentiña está cáseque todo o andamiaxe do galego, están as súas varas de medir o mundo,  as voltas do seu maxín, as reviravoltas dos seus soños e devezos, a súa calidade intelectual, o gosto da solpresa, a ironía que fai dun home,  e o morrer soio coa súa teima, e deixala en herdo, coma un tesouro inatopable...

Os mouros máxicos, gardadores de tesouros, están sempre vencellados a un lugar,  a un espazo mitico. Son o que os romanos chamaban genius loci. Pepiño é o espírito do lugar d’A Fontela, por sempre e para sempre.