O’Regueiro

DSCF0063

Cando aproveita a raxeira do sol, O’Regueiro adoita levar unha pucha dos Camiños de Ferro de Venezuela. Leva na cabeza un aquel trasatlántico, froito da emigración a Caracas de parte da familia. El ficou na Zapateira, coma un fidel garda da memoria colectiva. Mentres viva, vai canda el a cartografía toda da parroquia. El é o noso particular Fontán, o amanuense que cunha aguillada na terra debuxa o atlas do Reino de Cereixa.

Antes da revolución tecnolóxica dos últimos quince anos, o coñecemento topográfico do territorio era cousa vedada. Quen controla o espazo mantén o Poder. Os arqueólogos tiñamos que escribir ao Ministerio de Defensa para solicitarmos fotografía aérea e poder ollar dende o aire castros e mámoas. Por algo a estereoscopía para a fotointerpretación foi inventada por militares -do Exército británico concretamente- a fins do século XIX.

Aínda non hai tanto, as campañas de actualización do catastro rústico consistían na chegada á capital do concello de técnicos de Lugo que espallaban polo local da Cámara Agraria as vellas fotografías do voo americano da década de 1950. Os druídas dos marcos e das leiras, coma O’Regueiro, eran reclamados por paisanos e especialistas para contrastar esa realidade en branco e negro das fotografías. Aínda hoxe, nos tempos do Google Earth, nos que nos adentramos nun castro a golpe de click, compre botar mao da tradición oral.

O castro do San Lourenzo é hoxe área de captación de recursos de abellas, corzos e diferentes aves migratorias. É un bosque animado no que xa ninguén lembra os lindes. Grazas ao Regueiro puidemos identificar axeitadamente as parcelas e o que é máis importante, en cal delas se atopan as ruínas da ermida do santo. Se no desembarco de Normandía os fotointerpretadores xogaron un papel sobranceiro para a vitoria aliada, o noso desembarco no castro de San Lourenzo sería imposible sen este home.

Coa humildade dos sabios, O’Regueiro, con esa ollada pícara dos seus inmensos ollos azuis, tampouco se dá mérito. Limítase a dicir: O que quero de corazón é que todo vos vaia ben.

Falou O Regueiro. E falou ben.

Coa súa bendición, non lle temos xa medo ás mouras e ás cóbregas do San Lourenzo.