O proxecto


O castro de San Lourenzo en 1987, tras un incendio [Arquivo da familia Ayán Vila].

Somos da opinión de que a promoción real dun turismo cultural sostible baseado na rendibilización socioeconómica do patrimonio arqueolóxico é posible, e en tempos de crise, aínda máis. Buscamos tres obxectivos moi concretos:

1. A xeración dun recurso turístico sostible, de base patrimonial, o Castro de San Lourenzo, e outros puntos destacados da parroquia de Cereixa (Pobra do Brollón);
2. Incentivar o empoderamento patrimonial da comunidade local de Cereixa
3. Que sirva de campo de experimentación para a aplicación de novas tecnoloxías e estratexias de comunicación.

Por que ‘arqueoloxía pública ou en comunidade’?
Neste senso, a arqueoloxía pública preséntase coma unha ferramenta fundamental para a socialización do patrimonio. O que no eido anglosaxón se coñece por arqueoloxía pública ou arqueoloxía en comunidade apenas tivo un mínimo desenvolvemento en Galicia durante as últimas tres décadas. Só nos anos 2000 constatamos un troco de orientación na política de xestión patrimonial, coa extensión por todo o país do formato de campo de traballo como ferramenta para o desenvolvemento de proxectos arqueolóxicos. A integración de voluntariado nestas actuacións de investigación supuxo un troco de enfoque nun sector da arqueoloxía tradicional e a museística galegas. Sen embargo, a crise económica desatada a partir de 2008 tivo, entre outras consecuencias, un abandono súpeto dese primeiro modelo de arqueoloxía pública en Galicia por parte da Administración autonómica e as entidades locais. Este proceso viuse compensado, paradoxicamente, co desenvolvemento de proxectos concretos de Arqueoloxía social levados a cabo por equipos xoves vencellados a diferentes institucións de investigación (Universidades, CSIC) e empresas privadas que apostaron decididamente pola implicación das comunidades locales nos proxectos, a transparencia informativa e a divulgación e difusión en tempo real.

Dentro deste contexto, o presente proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo participa plenamente dunha liña de traballo artellada sobre un presuposto básico: a integración das comunidades locales na cadea de valor como conditio sine qua non para unha posta en valor real do patrimonio. Esta cadea valorativa e a posta en prática dunha Arqueoloxía máis inclusiva teñen sido os principios ordeadores do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón (Boiro, A Coruña), o proxecto de posta en valor do castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) (desde o ano 2000), o proxecto de Torre dos Mouros en Carnota (A Coruña) (e o proxecto do castro das Croas de Niñóns (Ponteceso, A Coruña).

Como nestes casos, o presente proxecto de Arqueoloxía social procura tres obxectivos moi concretos: 1. a xeración dun recursos turístico sostible, de base patrimonial; 2. incentivar o empoderamento patrimonial da comunidade local de Cereixa e, 3. que sirva de campo de experimentación para a aplicación de novas tecnoloxías e estratexias de comunicación.

Recuperación da romaría do 10 de agosto
A este respecto, o noso proxecto integra dende o comezo á Asociación de Veciños María Castaña, canalizando as súas angueiras e propios proxectos de socialización. En colaboración co crego da parroquia e a Asociación María queremos recuperar a vella tradición da comitiva de San Lourenzo dende a igrexa parroquial até ás ruínas da capela no castro o día 10 de agosto. Esta romaría sería todo un símbolo da recuperación deste ben patrimonial agochado e invisibilizado até hoxendía.

O traballo de limpeza do castro e o avance das investigacións serán divulgados en tempo real nun blogue deseñado especificamente para este proxecto.