O licín dos sarracenos

Na década de 1830, en plena primeira guerra carlista, un xeólogo alemán, Guillermo Shulz, percorreu a pé e a dacabalo a Terra de Lemos para facer a primeira descrición científica de Galicia. Na súa exploración achegouse a Cereixa, tomou nota do Monpedroso (outeiro do que falaremos outro día) e definiu as bacías sedimentarias dos ríos Saa e Cabe e toda a coñecida como Somoza Maior de Lemos. Schulz demostrou que unha inmensa lagoa cobría a nosa terra toda hai millóns de anos. Á lagoa seguiulle un grande río que foi afuracando paseniño a paisaxe para formar os vales que hoxe coñecemos. O resultado de toda esta historia xeolóxica quedou fosilizado no noso castro do San Lourenzo.

Hai unha verba galega, alomenos lemava, que todo arqueólogo que se precie debe coñecer: LICÍN. Vén sendo como unha tongada, unha veta dun material concreto, un depósito ou nivel que no noso traballo alcumamos estrato. A estratigrafía é fundamental en Arqueoloxía e obedece a unha lei case universal (no sexo ás veces é diferente): o que está debaixo é máis antigo có que está enriba. Pois ben. Esa historia de lagoas, gándaras e ríos ficou gravada nos perfís que a canteira de area dos anos 70 deixou no castro de San Lourenzo. En senllos perfís estratigráficos da pista de acceso á croa aberta daquela podemos ver os licíns, os estratos de area, de arxila e de coios. Se os romanos procuraban ouro, a riqueza do castro na década de 1970 eran os licíns de area verdosa, o que aquí coñecemos como A LAXE.

Licín dos sarracenos 2

Toda esta historia xeolóxica sérvenos para introducir un personaxe cunqueirán sen o que non se pode entender a historia contemporánea do castro do San Lourenzo: O’LAGARETO. Este home do barrio de Alende consideraba que a veciñanza de alén río tiña un aire especial, consecuencia da presencia da Mourindade no castro do San Lourenzo. E botáballe a culpa desta suposta «tolemia» (por el mesmo compartida) ao que el chamaba o LICÍN DOS SARRACENOS.