Música de alá do fondo

Dacordo coa tradición, os mouros e as mouras habitan no interior dos castros. Dese mundo subterráneo xorde ás veces música. Pola noite de San Xoán seica se escoitan de alá do fondo melodías de gaita. Os eruditos que fixeron o estudo arqueolóxico das veciñas terras d’O Incio en 1968 recolleron a seguinte lenda referida á cova do modorro de San Pedro, un sitio arqueolóxico de época romana: os días de festa a cova está pechada, namentras que os días de traballo soa a gaita dentro dela. También refiren que un mozo tuvo un lío con outro nunha festa e para escapar do outro metéuse dentro da cova e xamais saliu dela (Acuña e García 1968: 276).

O Burato dos Mouros no noso castro de San Lourenzo é a porta que conecta o noso mundo coas casas dos mouros. De aí saían voces que avisaban ás nenas que pastoreaban o gado no castro. Non sabemos se algunha vez se sentiu música. En todo caso, por vez primeira, o 10 de agosto de 2016 soou música da terra na croa do castro da mao de O’Garabelo trío, o grupo folk que puxo música ao premiado documental As pedras de San Lourenzo. O alma mater deste equipo é Pablo, da casa de Don Pedro, en Nogueiras, Cereixa. No seu estudo de música, entre as petrucias paredes daquela casa grande fidalga, Pablo está compoñendo un tema alcumado O Burato dos Mouros. Este tema instrumental soará no Burato dos Mouros o vindeiro 10 de agosto. Isto é un exercicio de Etnoarqueoloxía musicolóxica. Veremos se os mouros retrucan cunha melodía. De seguro que as reques das lagoas e os cucos dos carballos farán os coros.

En todo caso é música de alá do fondo do corazón, música enxebre apegada a esta paisaxe mítica que estamos recuperando. A vindeira semana voltará a música dos sachos, dos picos e das paletas a petar, un ano máis, nas pedras do San Lourenzo.

DSCF1693