«Gran Hoguera»

Plano arqueolóxico das ruínas da capela do San Lourenzo. As manchas verdes marcan os tocóns de carballo que arderán na noite dos Cepos esta noite.

Plano arqueolóxico das ruínas da capela do San Lourenzo. As manchas verdes marcan os tocóns de carballo que arderán na noite dos Cepos esta noite.

O’Modesto tangueu as campás con certeiras badaladas contra as tres da tarde. Foi a chamada da tribo, desa tribo que como dicía o cantante NARF, acredita no futuro. De sotaque, alí estaban na croa do castro de San Lourenzo, os homes de Cereixa, aqueles que andan polo mundo cun nome mítico que nos remite a sagas familiares, á xenealoxía desta aldea irredenta: O’Modesto, O’Ferreiro, O’Corenta, O’Madanelo, os dous Ramaus, O’ Dios, O’Grilo, O’Corbal, O Tico de don Pedro… Mentres en Galicia se declara a alerta vermella, os colexios pechan e os clubes cancelan partidos de fútbol, en Cereixa seguimos mantendo un rito arcano que vén da noite dos tempos. Contra vento, enchente e treboada. A festa do San Brais perdérase antes da guerra. No ano 1974, nunha noite de troula, uns mozos da parroquia deron en recuperar a festa dos vellos. Suso O’Corenta e o Pepe d’A Flora fóronlle co conto a outros veciños. Deseguido se xuntaron O’Grilo, O’Ferreiro e outros. Na taberna d’O Mondiño, a rente do campo da feira da Pobra do Brollón, acabouse de artellar a comisión. Estes ramistas bullangueiros fixeron algo que estudan os antropológos nas facultades: o empoderamento, a restitución patrimonial, a recuperación da identidade colectiva.

Apañando os cepos no castro do San Lourenzo.

Apañando os cepos no castro do San Lourenzo.

Daquela estábase construíndo aínda a N-120. Os ramistas apañaban o tren en Repil e ían a Monforte de Lemos a organizar o evento. Seica había cartos dabondo e non quixeron contratar unicamente un cuarteto senón o que daquela se chamaba un grupo. Fixéronse cos servizos do grupo Los Sauces. Á hora de publicitar a festa recuperada, sen poder aínda empregar a lingua vernácula, puxeron no cartaz con letras grandes: GRUPO LOS SAUCES Y GRAN HOGUERA. A grande fogueira referíase á tradición dos cepos, a lumieira do folión de véspera. A confusión levou a que se enchese o campo da festa e a estrada se inzase de coches, da xente ávida de festa na invernía, pensando que tocaban dúas orquestras, Los Sauces e Gran Hoguera. Isto recordaban os homes de Cereixa este serán, mentres chovía a cachón, no campo dos Carballos. Nin a Garda Civil, nin os de Tráfico, nin a Igrexa puideron nunca con estes homes que seguen xa de maiores levando a cabo todo un rito de paso. Nos nosos traballos etnoarqueolóxicos na lindeira entre Sudán do Sur e Etiopía temos visto estes rituais: os adolescentes da aldea son enviados cunha misión fóra do poboado: a roubar gando dos pobos veciños ou a cazaren cos seus medios un xabarín. O premio é o recoñecemento da comunidade, a consideración deses mozos como homes de pleno dereito. Algo diso hai nestes vellos rituais labregos da Ribeira Sacra.

Os cepos no campo dos Carballos, onde conflúe a parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos.

Os cepos no campo dos Carballos, onde conflúe a parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos.

Mentres os homes apañan brazados de leña de carballo, as mulleres acoden nesta véspera á igrexa para acadar a benzón das rosquillas e das velas. As rosquillas de anís obedecen a unha receita tradicional que se pasa de mais a fillas dende non se sabe cando. Saber saben ao paradiso. Os historiadores pensamos que esta festa do San Brais foi promocionada polos condes de Lemos no seu día. Sen embargo, pasados os séculos, ninguén se lembra daqueles nobres. O campesiñado resiliente de Cereixa segue nas súas, vivindo a tradición como aprenderon dos seus antergos. Porque eles e elas son os últimos labregos de Europa… pero acreditan no futuro, mentres se enrocan nas roscas eternas do San Brais.

Benzón na igrexa das rosquillas e velas do San Brais.

Benzón na igrexa das rosquillas e velas do San Brais.

Benzón das rosquillas e velas