Andazos, santos e cambio climático

Retábulo maior da igrexa de Cereixa, de mediados do século XIX

Retábulo maior da igrexa de Cereixa, de mediados do século XIX

Unha parroquia galega é unha historia de éxito. Estamos a falar dun unidade de organización espacial que conta con mil anos de antigüidade. Unha comunidade campesiña perfeitamente adaptada ao medio, cun modelo de xestión dos recursos baseado na sustentabilidade, alomenos até a década de 1960. Durante moitos séculos, estes homes e mulleres vivían nun sistema de explotación feudal que agravaba aínda máis os riscos para sobrevivir nunha economía de subsistencia. Os andazos, as pestes, a secas, o pedrazo podían acabar coas colleitas e traer a fame, a enfermidade e a morte. Crises cíclicas que a investigación histórica saca a luz paseniñamente. Os nosos antergos contaban cun cadro de especialistas para tentar paliar os efeitos nocivos destas calamidades: os santos e as santas. Os retábulos do interior da igrexa de Cereixa son toda unha botiga na que repousan os remedios daqueles tempos. O santoral alí acobillado obedece a un plan perfeitamente coherente. Santos e santas úteis para labregos e labregas en apuros. O San Sebastián, de fonda devoción en sitios como Lisboa ou Pontevedra, avogoso na loita contra a peste (a nascida como aínda se di por acolá), igual có San Roque. O San Antón, baluarte para protexer o gado e a facenda. A Santa Bárbara, antigo numen prerromano cristianizado, que loita contra as perigosas treboadas estivais, típicas nesta zona de Lemos. O baión e o pedrazo sempre chegan a Cereixa polo SW, polo corno da cabra, e alí se sitúa o lugar chamado Santa Bárbora (con o), onde aínda se ven os restos da canteira de onde se trouxo a pedra para erguer a nova igrexa parroquial en 1802. O San Brais, garante da sáude nos difíceis meses do inverno. E por suposto, o San Lourenzo.

Retábulo con santos varóns, entre eles San Sebastián e San Roque, avogosos contra a peste.

Retábulo con santos varóns, entre eles San Sebastián e San Roque, avogosos contra a peste.

O noso arqueólogo-poeta Fermín Bouza Brey recollera diferentes tradicións populares vencelladas co culto ás augas en Galicia, de entre elas rogativas, procesións e inmersións de santos nos ríos para rematar cos tempo de seca. Un dos santos máis empregados era, e é, o San Lourenzo. Pode haber dúas razóns para explicar este fenómeno. Este santo morreu churrascado nunha grella por orde dun emperador romano, cobizoso do tesouro da Igrexa. O lume atrae ao seu oposto, a auga. Pero tamén pesa a data da súa festividade, o 10 de agosto, no momento álxido da calor estival. San Lourenzo é un santo hidróforo, isto é, que chama á auga. En Cereixa os nosos avós falaban de que os seus avós sacaban o santo en procesión e metíano no río cando se vían perigar as colleitas pola falla de auga. Unha seca daba paso á fame e á morte. Como nestes días de confinamento, unha situación excepcional esixía medidas excepcionais. O que acontece é que durante séculos, esas crises non tiñan nada de excepcional.

Retábulo das santas. á esquerda, a Santa Bárbora.

Retábulo das santas. á esquerda, a Santa Bárbora.

A Histoire du climat tivo un pulo importante na escola historiográfica francesa interesada no estudo das comunidades rurais de Europa occidental. O noso admirado Le Roi Ladurie foi un dos seus máis firmes defensores. En España contamos con investigadores en Paleoclimatoloxía como o catalán Mariano Barriendos, que ten subliñado o potencial informativo das práticas relixiosas populares como indicador de conxunturas de secas no pasado. Xa no século V a Igrexa paleocristiá regulou a liturxia das rogativas. Como na desescalada do actual confinamento, podemos deducir a gravidade da seca en función da medida adoptada. Así, por exemplo, se nos libros parroquiais o crego apunta oracións especiais na misa, a intensidade da seca é baixa. Viría sendo unha medida preventiva. Se se expoñen reliquias e santos dentro da igrexa é que a calamidade comeza a cebarse coas colleitas. A perda irremediable destes recursos leva a unha nova fase: levar en procesión o santo polos agros. Nesta escalada, como se dun exorcismo se tratase, o nivel top é o ritual de inmersión do santo no río. Estariamos daquela perante o indicador dun fenómeno catastrófico. Estas rogativas sinalan períodos de seca, como os aneis das touradas das árbores, que medran menos coa falta de chuvia. Este método coñécese en Arqueoloxía como dendrocronoloxía.

Base dos cepos cos que se tallou o San Lourenzo. Unha fonte de información para a Dendrocronoloxía.

Base dos cepos cos que se tallou o San Lourenzo. Unha fonte de información para a Dendrocronoloxía.

O culto ao San Lourenzo ten moito que ver con estes episodios traumáticos. Ao Reino de Galicia chegou unha sorte de apocalipse entre os anos 1595-1598 cunha seca estrema, á que se uniu a peste no verao dese último ano, levando ao illó unha porcentaxe importante da poboación, tanto das vilas e cidades como das aldeas. Neses tempos dramáticos, o mordomo da igrexa de Cereixa encarga ao pintor monfortino Antonio Rodríguez, o seguinte:

“El mayordomo de la iglesia de San Pedro de Cereija (Puebla del Brollon) por escritura de tres de septiembre de 1597, confiriole el encargo de mandar hacer tres bultos para el retablo que está hecho y asentado en el altar mayor de dicha iglesia; el uno y principal del Apostol San Pedro patrono de ella, para la caja del medio. La otra imagen de San Lorenzo con una parrilla y la otra de San Miguel con su peso; y después de hechas, pintarlas, dorarlas y estofarlas; y ansímesmo ha de pintar , dorar y estofar el dicho retablo, poniendo para ello oro, plata y lo demás que necesario fuere y pueda traer el retablo a esta villa (Monforte) a su casa. Fijósele de plazo para ello hasta mediados de abril de 1598 y pagaríasele lo que fuere tasado por dos oficiales peritos nombrados por ambas partes”.

Grazas á investigación desenvolta pola restauradora Marien González Añón, non temos dúbidas de que ese San Lourenzo é a talla que hoxe se conserva na igrexa de Cereixa. A técnica, o estilo e o acabado sitúano nese Renacemento serodio de fins do século XVI. Grandes remedios para grandes males. Sen dúbida, ese encargo obedecía a outras variables, como que o San Lourenzo, co monarca Filipe II estaba de moda, pero, desde logo, tamén se explica pola súa utilidade para combater a seca. A serie histórica fálanos de novos episodios de falta extrema de chuvias nos anos 1615-1617, 1637-1638 e 1663-1664, nos reinados de Filipe III e Filipe IV. Curiosamente, a ese período corresponden a inmensa maioría das moedas de bronce atopadas nas escavacións no sector da capela do San Lourenzo. Non hai moedas acuñadas con posterioridade. ¿Ofrendas no santuario para acadar un milagre?

Inicio da procesión do San Lourenzo en 2018. Fotografía de Helena Cerviño.

Inicio da procesión do San Lourenzo en 2018. Fotografía de Helena Cerviño.

Doutra volta, sabemos que o culto ao San Lourenzo foi reactivado en Cereixa contra 1876. Esa é a data gravada no lintel da fachada da ermida, reutilizado na casa do Constante (actualmente Casa Ramau). A tradición oral sitúa nesa época tamén as rogativas de que se ten memoria. Todo encaixa, de novo. Entre os anos 1876-1878 tivo lugar a que se coñece na India e na China como a Gran Seca. A calamidade foi tal que morreron ducias de millóns de persoas, por falta de alimento. En España, na área do Levante recórdase como la seca dels quatre anys, a máis importante de todo o século XIX. En toda España, estudos dendrocronolóxicos demostran unha seca intensa e xeralizada entre 1873 e 1876, incluída Galicia. A seca contribuíu á inestabilidade socioeconómica en tempos de conflicto: última guerra carlista, golpe de Estado á I República e restauración borbónica. Tamén as secas e malas colleitas seguidas tiveron algo que ver no agromar da primavera árabe en Siria, por poñermos un exemplo.  E a historia repetiuse. En 2016, o ano máis seco dende que hai rexistros (datos oficiais), a parroquia de Cereixa, como tantas outras comunidades rurais do país, voltou sacar en procesión o San Lourenzo para batizalo de novo no Porto do Santo e levalo ao seu castro. Cousas do cambio climático e do Antropoceno.

Inmersión do santo no río de Cereixa. Procesión de 2017. Fotografía de Helena Cerviño.

Inmersión do santo no río de Cereixa. Procesión de 2017. Fotografía de Helena Cerviño.

Nunca foi tan certo aquilo de Un acórdase da Santa Bárbara cando trona. Neses anos da década de 1870 voltaron as rogativas e as inmersións dos santos como o noso San Lourenzo. Cando pasou o andazo, pasou o medo e voltou o esquencemento. Probablemente acontecerá o mesmo coa COVID-19 e, de seguro, cedo habemos de olvidarnos da ciencia e a sanidade como remedios. Así e todo, seguimos rendendo culto á auga. Antes mollabamos os pés ao santo, e agora lavamos as maos, por ver se marcha o Mal.

 

Esta historia publicouse en O santo.