Os guímaros


Monumento á entrada da vila.

Tradicionalmente os habitantes da Pobra do Brollón son chamados na Terra de Lemos guímaros, por terense rebelado contra os condes na Idade Media. Que saibamos até o momento, Vicetto é o primeiro que desenvolve o tema dos guímaros da Pobra de Brollón no seu Los Hidalgos de Monforte (1861) . Seguindo co procedemento habitual, parte dunha lenda local e incorpóraa ao relato botando mao de licencias literarias. Así por exemplo, invéntase un personaxe, Guimaro, que el maxina coma o líder da revolta dos de Brollón contra o conde de Lemos na época dos irmandiños:

Pues al acabar de leer aquel pliego, don Alonso miró en torno suyo vivamente, y al verme a mí, me hizo una seña para que me acercase a él. “Id”, me dijo, “id volando con vuestros veinte caballos a la Puebla del Brollón, apoderaos de un tal Guimaro, que es el más revoltoso de todos aquellos paisanos que se niegan a pagar el impuesto extraordinario de guerra que decreté, y hacedlo cuartos para escarmiento de los demás bellacos que acaudilla”. Yo volví la grupa, reuní mis lanceros, y volé a la Puebla del Brollón.
-¿Y lo encontraste, Sancho?
-Lo encontré.
-¿Y se resistió?
-Se resistió; pero tan tenazmente con los demás paisanos rebeldes, que con sus piedras, palos y hoces nos corrieron más de un cuarto de legua.
-¿Y tú, al verte tan villanamente corrido?…
-Yo, Pedro, no quise entrar en Monforte tan villanamente corrido, como dices con tana ironía; quise mejor morir en la refriega, y mandando volver grupas en un llano, les dimos una carga tan soberbia y tan a tiempo a los tales Guimaros, que al fin retrocedieron dejando al Guimaro grande en nuestras manos.
-¿Su jefe, eh?
-Sí, su jefe Guimaro.
-¿Y qué hiciste de él Sancho?
-¿Qué hice?… lo hice cuartos. Le mandé cortar los brazos y las piernas, cumpliendo así la orden terminante del conde.

O interesante aquí é corroborar como á altura de 1861 se conservaba na memoria colectiva a lenda dos guímaros e da historia de enfrontamentos coa casa de Lemos. Deste xeito, Vicetto vése obrigado a incorporar unha nota a rodapé que dá veracidade a esta lenda:
Este hecho histórico horrorizó tanto el país, que a pesar del tiempo transcurrido, se conserva fielmente esta tradición entre las gentes más sencillas, con el nombre de los Guimaros, nombre con que aún insultan los naturales de Monforte a los de la Puebla del Brollón.

Como no caso de María Castaña, esta é a orixe da tradición culta dos guímaros. Partindo de Vicetto, outros eruditos tardorrománticos como Rodríguez Vilariño (1896), reelaboran unha lenda popular, pásana polo cribo ideolóxico liberal e utilizan o mito como exemplo didáctico da loita popular contra o feudalismo e o Antigo Rexime. Esta lenda ten unha base histórica incuestionable . A presenza dos condes de Lemos ficou mesmo na microtoponimia do rueiro do casco vello da Pobra (Calella da Condesa, praza da Condesa) ou aínda se entreve en achádegos arqueolóxicos como a inscrición atopada a rentes da ponte de San Antón nunha obras de saneamento e que nos fala da ermida da Madalena erguida polo capelán dos condes de Lemos, Fernando Salgado, en 1640. Pero, en realidade, os condes de Lemos nunca deberían ter pisado a Pobra de Brollón. Por que?

Porque A Pobra de Brollón era unha xurisdición de reguengo, dependente directamente do monarca e polo tanto exenta das cargas feudais impostas polos señores nobres e/ou eclesiásticos. Polo seu interés estratéxico e comercial (cruce de camiños nunha vía xacobea secundaria) este enclave recibe unha carta puebla por parte da monarquía. O tamén liberal Pascual Madoz deixou escrito en 1847: la villa envió primeras juntas o cortes celebradas en León procurador o diputado, como uno de los pocos pueblos libres y de realengo de Galicia, y que había recibido fueros particulares de Sancho IV el Bravo y Fernando IV el Emplazado . Non sabemos en que documentación se baseba este autor. En todo caso, a fundación desta nova pobra tivo que ter lugar entre 1050 (mención da vila de San Pedro no tumbo de Samos) e 1309 (mención da povra no tumbo do convento de Ferreira de Pantón), é dicir nos séculos XII e XIII, o período no que se crean todas as pobras galegas. De feito, nun documento que se garda no Arquivo Provincial de Lugo, no que os veciños solicitan deixar de pagar impostos para refacer as murallas da vila, cítase que A Pobra de Brollón recibira fueros por parte de Alfonso El Nono , é dicir, Afonso IX, rei de León e Galicia.

Na Baixa Idade Media os condes de Lemos deveceron por controlar a xurisdición libre de A Pobra de Brollón . De feito, consérvase abondosa documentación sobre as queixas que o Concello presenta aos monarcas ao longo do século XV, e as disputas entre poderes. Así por exemplo, en 1424 o conde de Lemos tenta anexionar unilateralmente a xurisdición da Pobra de Brollón. En 1468 Pedro Álvarez de Osorio, na súa loita contra os irmandiños, ocupa Allariz, Sandiás e Pobra de Brollón, conquista que sen dúbida coñecia Vicetto e incorpora ao seu relato de Los Hidalgos de Monforte , como xa vimos. En 1477 o rei don Fernando, en recoñecemento dos servizos prestados polo conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio na guerra contra Portugal, concédelle os dereitos reais sobre a Pobra de Brollón. Doutra volta, en 1494, o concello da Pobra envía aos Reis Católicos unha carta de denuncia sobre as serventías e abusos extraxurisdicionais impostos polo Conde de Lemos aos habitantes do alfoz de A Pobra.

Polo tanto estas tensións entre conde de Lemos e concello de A Pobra existiron de verdade . Vicetto coñecía a lenda local e a existenza de documentación ao respecto. O que fixo foi convertelo en materia literaria, abrindo unha corredoira que seguirían Rodríguez Vilariño (1896) ou Moure Mariño (1991).

Nos últimos anos deuse un proceso de empoderamento da Idade Media local por parte do concello quen organiza a Festa Medieval Guímara dende 2014. Un monumento (obra do canteiro e artista Manuel Vilaverde) recén inaugurado lembra a loita guímara á entrada da vila.

Dende este blogue do proxecto do castro de San lourenzo tentaremos dar a coñecer o patrimonio cultural destas terras guímaras cargadas de Historia.