Cos Dereitos Humanos

Hoxe pola mañá tivo lugar o descubrimento dunha placa en homenaxe aos dereitos humanos en Compostela, vencellada ao espírito do noso proxecto de Arqueoloxía en Comunidade do castro de San Lourenzo. Reproducimos a continuación o texto que enviamos aos organizadores para ser lido no acto.

 

É unha mágoa que tanto José Luis Lagoa coma min non poidamos estar presentes fisicamente neste emotivo acto na nosa benquerida cidade de pedra, Compostela. Atopámonos ambos os dous nos cuarteis de inverno, nos Estados Unidos, traballando arreo dende o eido académico e dende o mundo da empresa por consolidar o proxecto ilusionante do castro de San Lourenzo. Malia esta ausencia, o espírito desta experiencia de Arqueoloxía en Comunidade atópase moi presente hoxe en Casas Reais, na zona cero da identidade galega, nun lugar de memoria onde converxe o leigado de institucións venerabéis que loitaron polo Patrimonio deste país. Xusto é lembrar a Real Sociedad Económica de Amigos del País, a ferramenta creada a fins do século XVIII por prohomes da cidade de Santiago que se comprometeron cos valores racionalistas da Ilustración, verdadeira xénese dos Dereitos Humanos que nos reúnen hoxe aquí. No século XIX, esta vetusta Sociedade foi a promotora de encomiabéis iniciativas como a organización de Xogos Florais, a construción de Escolas, a promocion de Exposicións Rexionais e incluso o deseño dos primeiros museos arqueolóxicos de Galicia. Tamén é xusto lembrar o Ateneo republicano de Santiago, entidade que promove a memoria e dignifica o papel xogado por aqueles homes e mulleres que defenderon unha sociedade máis democrática e igualitaria na década de 1930 e que despois sofreron persecución e inxustiza. Eles e elas son o exemplo a seguir por todos nós. Dende o proxecto do castro de San Lourenzo defendemos o recoñecemento dos Dereitos Humanos e apoiamos este traballo memorialístico a prol das vítimas de estados autoritarios, en todo tempo e lugar; a este respecto sirvan de exemplo as escavacións arqueolóxicas promovidas por nós na Terra de Lemos para recuperar a voz da resistencia contra a ditadura.

Como amosan os casos da Sociedad Económica ou o Ateneo, camiñamos a ombros de xigantes, parafraseando a Bernardo de Chartres. O voluntarismo, a ilusión e a plena adicación son o camiño escolleito por aqueles e aquelas que cren na transformación para mellor do mundo que nos rodea. A este respecto, queremos agradecer publicamente o traballo e maila entrega de dúas mulleres, Elizabeth Sánchez Vegas e Devorah Sasha, auténticos motores desa fábrica de soños que é International Solidarity for Human Rights. A elas debemos que os camiños xacobeos se convirtan pola súa vez en itinerarios que sirvan para a promoción dos Dereitos Humanos, nuns intres nos que a integración e o diálogo se presentan como ferramentas ineludibéis para preservarmos os valores dese Occidente que tivo en Compostela unha referencia durante séculos. Dende o proxxecto do castro de San Lourenzo contribuiremos a isto, dando a coñecer o Camiño de Inverno e traballando duramente para cumplir o mandato do artigo 29 da Declaración de Dereitos Humanos: todos temos deberes para coa comunidade. De feito, no castro de San Lourenzo, ubicado a rente da devandita ruta xacobea, estamos desenvolvendo un proxecto de Arqueoloxía en comunidade co que pretendemos socializar o noso patrimonio cultural. A proteción do leigado material dos nosos devanceiros non só é un deber moral, senón que debe ir acompañado dun enfoque patrimonial que permita converter as ruínas, as pedras, en milladoiros inzados de futuro.

Finalmente só nos queda agradecer de corazón aos promotores desta iniciativa e tamén, no noso caso, á obra social de ABANCA, Afundación, mecenas do noso proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo.

Moitas grazas a todos.

José Luis Lagoa e Xurxo Ayán.