As pedras tamén falan

O'Barbas e Albino na croa do castro (Fot. de Rui Gomes Coelho).

O’Barbas e Albino na croa do castro (Fot. de Rui Gomes Coelho).

O señor Albino medrou na aldea caurelá de Vilar, a rente do esgrevio val do Lor. De pícaro xogaba canda a outros nenos (daquela aínda había, osos… e nenos) sobor das muradellas do afamado castro mineiro romano que aínda se conserva ao sopé da aldea, encol dun esporón de lousa. Albino é o veciño de porta con porta dos arqueólogos do castro de San Lourenzo, na aldea de San Adrián. Consumado artesán da madeira, moitas casas guímaras destas terras de Brollón están inzadas de armarios, chineiros, portas e contrafiestras feitas polas súas maos. Albino falounos dun amigo de seu, O’Barbas, moi afecionado ás cousas e pedras de antes.

Ambos os dous apareceron onte na croa do castro. O noso proxecto ten sentido cando a nosa xente se achega a ver o que asoellamos baixo terra. O’Barbas non puido ir á escola de cativo e moi cedo marchou polos camiños do mundo. Estivo ben anos na emigración, en Franza. De camioneiro percorreu toda Europa. Nos anos 60 traballou na Capela Sixtina no Vaticano, nin máis nin menos. Cando voltou, axudou a erguer a canle do regadío do Val de Lemos, un proxecto fallido de colonización agraria do franquismo. O’Barbas está lendo un libro gordo de Arqueoloxía pero quéixase de que non falan moito dos castros en el. Ten unha grande curiosidade e a súa angueira de saber levouno a estudar a ESO. Educado e intelixente, os seus ollos escintilean cando toca e olla para as moedas de bronce, os maravedís que atopamos na capela, cando identifica os potes e as escouras na exposición temporal que improvisamos baixo as caxatas duns pequenos carballos. Hai ben anos, os autores urbanitas dunha guía do concello da Pobra do Brollón pararon a parolar con el na serra, alá pola Veneira de Roques, onde os fóseis vexetais aínda decoran o xisto e a lousa. Cando lle preguntaron que sentía ao ver aqueles restos, seica O’Barbas respostou: fálanme do noso pasado e da nosa historia, porque sabe, señora, as pedras, tamén falan.

E para iso estamos aquí os arqueólogos, para sentir falar a xente que terma das pedras que falan.