Arqueólogas

Pura Lorenzana na anta de Abuime (1930). (Revista Arquivos do SEG).

Pura Lorenzana na anta de Abuime (1930). (Revista Arquivos do SEG).

 

Casa cunha arqueóloga, canto máis vello, máis interesante te encontrará.

Adaptación libre da famosa cita de Ágatha Christie.

 

No mes de xuño de 1997 Carlos Otero e máis eu fixemos o traballo de campo preciso para elaborar a primeira guía de recursos arqueolóxicos da terra de Lemos. É o tempo de San Xoán unha época moi propicia para a aparición de encantos, de mouros que tocan a gaita e mouras que namoran paisanos inxenuos. Naquela altura visitamos a anta de Abuime no Saviñao. Un veciño, xa andado, afirmaba que esa era a tumba dun xeneral dos mouros, morto heroicamente nunha batalla contra os cristiáns. O paso pola guerra e o servizo militar fixo que os nosos labregos fosen modelando un imaxinario ligado aos lugares do pasado cada vez máis masculinizado. Se iso acontecía no eido do Mito que dicir da Ciencia, desa Arqueoloxía galega e galeguista, nas maos durante decenios de homes, frades e fidalgos. As fotografías colectivas da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra ou do Seminario de Estudos Galegos non deixan lugar a dúbidas. Por iso é tan importante a estampa coa que iniciamos este post. Eis a anta de Abuime, orfa no medio dunha agra. A pedra da cuberta xa estaba daquela servindo de abrevadoiro nunha casa grande de Lamaquebrada. Na composición destaca como unha aparición mariana, brancuxenta e  inmaculada, a figura dunha muller. Estamos na fin dos tolos anos 20. O fotógrafo decidiu empregar como escala humana unha rapaza, o sexto ortostato dun dolmen neolítico. Esta muller foi a primeira arqueóloga de Galicia. A creación da Facultade de Letras en Compostela na década de 1920 coincidiu coa novidosa incorporación dalgunhas (poucas) mulleres á Universidade, case todas fillas de familias boticarias que estudaban Farmacia por imperativo paterno. Entre as que optaron polas Humanidades temos á moura moderna de Abuime, Pura Lorenzana. Oriunda do Saviñao formou parte do equipo arqueolóxico (canda Antón Fraguas, Sebastián González García-Paz e Cuevillas) que estudou a arquitectura megalítica dese territorio, grazas ao finaciamento da Comisión de Estudos en Galicia. Este investimento veu da mao de Xan de Forcados, médico cosmopolita, bo coñecedor do mundo anglosaxón, e que foi pioneiro en temas de hixiene, educación, desenvolvemento agrario, proteción do patrimonio e mesmo na reivindicación dos dereitos da muller. Este foi o mellor contexto posíbel para o quefacer de Pura, pura vocación. Esta muller compartía o nacionalismo católico conservador de Vicente Risco, como podemos comprobar na conferencia que impartiu na sé da Xuventude Católica Feminina de Compostela e que foi publicada en 1931 por Ánxel Casal. Instalada na dereita do galeguismo, a evolución dos acontecementos levouna a amparar o Golpe de Estado feixista de xullo do 36. Profesora de Instituto en Tui e Ourense durante a guerra, exerceu diversos cargos políticos ao servizo do Goberno de Burgos: Depuradora das Bibliotecas Públicas, Delegada Provincial de Frontes e Hospitais e Organizadora dos servizos culturais do Fogar e do Ferido. En 1940 o Ministerio de Guerra do Goberno de Franco concedeulle a Medalla de Campaña de Retaguardia por méritos e servizos. Mentres outros ex-colegas morrían nas cunetas ou marchaban ao exilio (Sebastián González García Paz marchou a Puerto Rico), mentres compañeiros e compañeiras docentes eran apartados do seu oficio, Pura Lorenzana fixo carreira na inspección do ensino da Nueva España. Vaia paradoxo. A primeira arqueóloga galega rematou como Depuradora das Bibliotecas Públicas. Os libros arden mal (Manuel Rivas dixit).

Flora Enríquez na igrexa das Bernardas de Pantón (2 de marzo de 2020).

Flora Enríquez na igrexa das Bernardas de Pantón (2 de marzo de 2020).

Habería que agardar ao espírito de 1968 para que xurdisen novas arqueólogas galegas. O Seminario de Arqueoloxía creado por Alberto Balil foi canteira para unha nova xeración de investigadoras. Raquel Casal, que foi Directora Xeral de Patrimonio coa chegada da autonomía, Ana Romero Masiá, pioneira (canda María Dolores Fernández-Posse) nos estudos de xénero, Mercedes Torres e Josefa Rey, ambas as dúas profesoras na Facultade compostelá… Naqueles anos coñeceron a Arqueoloxía de Campo rapazas que tras licenciárense exerceron a docencia en colexios e institutos. As trabas daquela eran moitas. A mai dun colega aínda me contaba o outro día como non puido ir ás escavacións de verao porque o seu pai se negaba a que a filla solteira pasase semanas enteiras fóra da casa entre marulos. Outras tiveron máis sorte, como a meirande experta na arte románica de Pantón, Flora Enríquez, que escavou no barbanzón Castro Pequeno de Neixón, na Terra Chá ou en xacementos arqueolóxicos de Valladolid. A seguinte xeira, xa na autonomía oitenteira, é a protagonizada polas primeiras mulleres que traballaron no eido da Arqueoloxía profesional, lidando nun mundo de homes como é o das obras. No mes de outubro pasado un grupo de compañeiras militantes organizaron en Compostela unhas xornadas de Arqueoloxía e Xénero nas que arqueólogas veteranas partillaron as súas experiencias, non moi diferentes ás que magoadamente sofren as colegas hoxendía. Por iso é tan importante reivindicar esta historia, recoñecer os condicionantes aos que se tiveron e teñen que enfrontar as mulleres que queren desenvolver a súa vocación con normalidade, esas Irmandiñas das que fala Aurora Marco no seu último libro.

Martínez, Mª. Á. 1996, O castro de Cereixa. Samoeiro, 8

Martínez, Mª. Á. 1996, O castro de Cereixa. Samoeiro, 8

O castro de San Lourenzo tamén tivo a súa primeira arqueóloga. Xa sabedes que neste lugar mistúranse todas as historias e todos os destinos. Flora Enríquez era profesora no instituto monfortino da Pinguela na década de 1990. Como dixemos, Flora escavara sendo estudante nos castros do Neixón (Boiro). Aquí desenvolvemos nós, entre 2003 e 2008 a versión 1.0 da Arqueoloxía en Comunidade que praticamos agora en Cereixa. Moito tempo temos adicado a investigar aquelas escavacións dirixidas por Bouza Brey e Acuña Castroviejo de comezos dos 70. O amor polos castros aflorou daquela en Flora, e ficou para sempre, florecendo.

Martínez, Mª. Á. 1996. O castro de Cereixa. Samoeiro, 8.

Martínez, Mª. Á. 1996. O castro de Cereixa. Samoeiro, 8.

Contra 1995 a profesora encargou ao alumnado que fixese un traballo de investigación sobre o patrimonio da súa zona. Unha rapaza do curso, María de los Ángeles Martínez, da Pobra do Brollón, decidiu estudar o castro de San Lourenzo. Para iso contou coa xenerosa colaboración do praticante da vila, Antonio Álvarez, que ese mesmo ano me levara a min a escavar por vez primeira ao Caurel. Marian publicou o seu traballo na revista cultural da Asociación Samoeiro, no número de 1996 adicado ao homenaxeado nas Letras Galegas naquela altura, Xesús Ferro Couselo. Este artigo é a primeira publicación científica do castro de San Lourenzo. Como Pura Lorenzana en 1929, Marian non se conformaba con facer de escala nas fotos nin con  seguir o consello que Agatha Christie (casada cun arqueólogo) daba ás súas amigas. Debuxou plantas e seccións do poboado fortificado, e consultou bibliografía especializada como ese Hábitat castreño (1976), libro de referencia aínda hoxe na materia, asinado pola antedita Ana Romero Masiá. A revista é unha xoia hemerográfica difícil de conseguir pero que gardamos durante anos como ouro en pano. Dende o seu traballo no servizo administrativo do Concello, Marian tennos axudado moito nestes últimos anos para que o proxecto do seu castro siga indo para a diante. A primeira arqueóloga do San Lourenzo impón orde no caos, como tal facían as deusas antigas.

Samoeiro 7