En portada

A portada da casa d'O Ramau en 2003.

A portada da casa d’O Ramau en 2003.

As comunidades labregas non manexan o Museo como conceito. Acostumadas dende séculos ás crises de subsistencia, á coerción feudal e caciquil, son sabedoras do poder dos obxectos. As cousas xamais se desbotan, nunca se consideran como entes estáticos, fixos, aos que fitar por lecer estético. Tampouco son lixo. As cousas recíclanse, reutilízanse, tunéanse, trocan de estado, porque sempre serven para algo no ciclo da vida… e da morte. As cousas sempre están vencelladas simbolicamente a casas, familias, espazos e paisaxes. A intrahistoria (sensu Unamuno) vai canda elas. Son protagonistas incluso de historias que ninguén cre (sensu Fole).

Chegada a Os Carballos da vella portada da casa d'O Ramau

Chegada a Os Carballos da vella portada da casa d’O Ramau

As comunidades galegas do Bronce Final e da 1ª Idade do Ferro gostaban de esnaquizar artefactos de bronce (caldeiros), de partillar e descompoñer potes cerámicos. Os anacos depositábanse a xeito de amortización ritual en diferentes espazos (fochancas, abrigos rochosos, penas, covas, rías, regatos, recintos cultuais). Moitas sociedades do mundo fan o mesmo cos ósos dos seus antergos.

Coma os seus devanceiros castrexos, a xente de Cereixa é consciente do trasfondo memorialístico das cousas, dos carballos, das casas dos mouros… Os cepos das ruínas da ermida do San Lourenzo foron reubicados para que participen na renovación do ciclo festivo agrario. As cinsas dos cepos do San Brais remarcan o vencello entre espazos simbólicos da parroquia e abonan a memoria da comunidade. Esas raigames, eses cepos, xamais acabarían no mercado do vil metal. É de necios trabucar valor e precio.

O'Corenta termando da portada.

O’Corenta termando da portada.

Pero os cepos non ían sós á lumieira. Javier e Moncho decidiron que parte da casa vella formase parte do ritual. A vivenda da súa familia conserva a fachada orixinal da reforma efectuada na capela do castro en 1875. A portada de madeira foi substituída recentemente. Os dous irmaos consideraron que era o propio queimar nos cepos de San Brais a vella porta da casa. Unha casa que foi acobillo de guerrilleiros a fins dos anos 40, que forma parte da historia que estamos a desenterrar no noso proxecto. A procesión ao castro na romaría recuperada o ano pasado fixo unha parada histórica ao pé desta portada.

 

O’Ferreiro, cuxa familia foi propietaria da casa con anterioridade, afirmou en Os Carballos cun aquel solemne: Aquí vén a portada da casa dos meus avós. Canda a portada veu tamén unha vella artesa remendada co latón de arcanos bombos de sardiñas. A reciclaxe e o parcheado son un clásico na Galicia rural. Eu aínda recordo potas e potes de cobre remendados con patacós da Iª República e de Afonso XII. Unha tradición que xa vén dos castros, onde se teñen atopado remendos de potes cerámicos con grapas de metal.

Remendos metálicos da vella artesa.

Remendos metálicos da vella artesa.

A lumieira do San Brais non supón a queima dos recordos, senón todo o contrario; as faíscas avivan a memoria. Como cantaban os U2 son o unforgettable fire, o lume que non se esquence, porque nos recorda cada inverno quen somos.

Malia o temporal, o lume prendeu.