*
O avó de Candela traballou arreo nas areeiras de Cereixa nos anos 70. O traballo quedaba a rente da propia vivenda familiar, a casa d’A Raxa, pertencente ao lugar de Alende que tamén dá nome ao castro de San Lourenzo. Candela é a última nena da parroquia. Coa súa avoa adoita ir a por auga ao manancial que non conseguiu esnaquizar a canteira no seu día. Cando comezamos as escavacións arqueolóxicas na croa do castro, Candela superou a súa timidez e deixouse levar por unha curiosidade case científica.Deseguido se fixo cun ritual. Chegaba a media tarde e chantaba o seu observatorio ao pé dunha das xofreiras do santo. Sempre locía con fachenda a súa camisola de María Castaña. A avoa non para de lavar a prenda, unha vez si e outra tamén, de tanto que a poñía. Baixo as árbores, alí tiraba de caderno e comezaba a redactar o seu diario arqueolóxico, no que non faltaban debuxos da paisaxe e dos mesmos arqueólogos. Cando tivo lugar a romaría do 10 de agosto, Candela, auténtica reporteira de guerra, fixo unha reportaxe marabillosa, na que non faltou un collàge de novas de prensa.
Candela é unha das protagonistas indiscutibéis da curtametraxe documental As pedras de San Lourenzo. Perante as cámaras declarou que gostaba do proxecto porque ela estaba soa en Cereixa e que grazas ás escavacións, ao castro e á festa, agora virían máis nenos a xogar con ela. Escoitándoa, aínda cremos no futuro do rural. Non sabemos se xa cundiu nela a vocación arqueolóxica, en todo caso, esta rapaza ten madeira de escritora, como o demostrou no Nadal gañando un dos premios literarios do Concello. Como ben sabía o seu avó, HAI CANTEIRA.