Baixar o santo

DSCF0022

Os permisos necesarios para levar a restaurar o San Lourenzo están firmados por varóns. Semella que isto do Patrimonio é cousa de homes, coma o anuncio mítico de Soberano. Temos un papel asinado polo crego párroco de Cereixa, outro firmado por outro señor da diócese luguesa e, finalmente, un permiso que nos envía outro varón dende a Xunta de Galicia. O xénero troca cando imos á vida real. Son as mulleres as protagonistas desta historia.

DSCF0019

Mari Carme, a nosa María Castaña particular, é a delegada nos asuntos materiais da igrexa de Cereixa. A pechadura da porta lateral do templo renxe e iníciase o proceso de retirada do San Lourenzo. Un intre delicado: a despedida. Aínda nos anos 90 os mozos de Cereixa organizabamos unha cea para despedir os compañeiros que marchaban ao servizo militar. De sempre fixéronse misas incluso por aqueles que foron a América e nunca máis se soubo. O santiño é coma nós, e cómpre despedilo como se merece.

DSCF0027

 

As antropólogas do noso proxecto, Guadalupe e Cristina, teñen experiencia nestes procesos de restauración (exitosa e/ou fallida, depende dos casos), sobre todo naqueles vencellados a tallas relixiosas de fonda devoción. No noso caso, o San Lourenzo leva quecendo banquiño dende hai máis dun século, ocupando un posto modesto no ranking devocional cereixano… pero aínda así, hai que tratalo ben.

Esta non vai ser a primeira vez que o santo marcha pola porta. Xa o facía polo seu propio pé, cando liscaba para o castro, seica remoscando porque os parroquianos non pagaban o ferrado das fabas para soster o seu culto. Para que o santo voltase, toda Cereixa foi ao castro en procesión e polas corredoiras de A Zapateira e Alende sentíase unha latanía colectiva co seguinte estribillo:

San Lourenzo, vén a nós,

que o ferrado das fabas,

pagámolo nós.

A Ana dáballe medo o San Lourenzo de pequena. Na misa do domingo, nos anos 80, acompañaba unha tía súa moi beata, quen lle explicaba o martirio do San Lourenzo: achurrascárono por unha beira, e cando estaba ben queimadiño, o santo pediu que lle desen a volta ao espeto. Ana non podía ollar cara á parrilla que o San Lourenzo portaba na mao dereita.

DSCF0056

 

Non é casualidade que a primeira parrillada da provincia de Lugo se abrise en 1973 aquí en Cereixa, da mao dun emigrante a Venezuela retornado, o noso benquerido Antonio Méndez O’Moure. De parrillas (grellas) entendemos abondo en Cereixa.

Coma o gato da canción, o noso San Lourenzo vai para a terra da Laxe, para ser estudado e rehabilitado como se merece no obradoiro da nosa restauradora Marien. Comeza agora unha misteriosa pescuda.

DSCF0058

Segundo o Inventario, este santo é do século XVIII. Pero que fai nun retábulo de 1863, decorando uns frescos de 1802?. Polo que imos sabendo, esta talla do San Lourenzo pode ter 200 anos máis de antigüidade, o que nos levaría ao Renacemento. Se remanecedes conectados a este blogue, nos vindeiros días iremos desvelando estes misterios. E xa sabedes, como non se sabe o que pode acontecerche hoxe, pregade:

San Lourenzo vén a nós

DSCF0053

 

 

Esta historia publicouse en O santo.