A xufreira

 

O castro de San Lourenzo en 1987

O castro de San Lourenzo en 1987

Arde Galicia co lume forestal… cantaban Os Resentidos para dar boa conta da vaga de lumes de mediados dos anos 80 en Galicia. Daquela, as lapas chegaran tamén ao castro do San Lourenzo. A fotografía que vendes aquí arriba foi tirada en 1987. Hai moitas historias paralelas que conflúen neste retrato e que iredes coñecendo ao longo deste verao. Polo momento fixádevos alá ao fondo no perfil do castro. Podemos enxergar as fírgoas, as fendas, as cicatrices da canteira de area dos anos 70. Enriba, o paramento da muralla. O lume rematara con toda a vexetación, agás coas árbores mouras que inda se ven na lonxanía desta fotografía. Son xufreiras. Deste xeito chamamos en Cereixa ás sobreiras. A sociedade labrega tradicional era moi devota destas árbores. Da súa cortiza facíanse os trobos, isto é, as colmeas á vella usanza. Aínda hoxe podemos degustar por estes lares mel do San Lourenzo. Esta cortiza tan especial fixo que as xufreiras do castro remanecesen intactas. San Lourenzo morreu queimado nunha grella pero as xufreiras do castro sobreviviron ao lume. The unforgettable fire que dirían os irlandeses de U2. De entre elas, a máis grande, segue sendo un fito visual hoxendía. Atópase a rente do adro da antiga ermida e probablemente sexa coetánea da construción de todo espazo sagro. En Galicia somos moito de santos, santas e árbores, sobre todo se falamos de mártires paleocristiáns como Santa Mariña ou San Lourenzo.

O castro de San Lourenzo visto dende o Camiño de Inverno

O castro de San Lourenzo visto dende o Camiño de Inverno

En 1991 voltou arder este castro de Alende…. e a xufreira sobreviviu de novo. Nos últimos 25 anos, a vexetación conqueriu o sitio arqueolóxico, toda unha selva animada que imos dar a coñecer nas vindeiras semanas, clareando misterios.

Ignacio Abella vén de publicar un libro marabilloso: Árboles de Junta y Concejo. Las raíces de la comunidad (Libros del Jata, 2015). Aquí o autor cataloga as árbores centenarias que serviron de acobillo para as asembleas populares, para esa democracia participativa que tanta alerxia produce aos Estados. Na nosa terra guímara sabemos disto. Por algo o piñeiro de Brollón é o emblema do concello. Explícao ben Ricardo R. Vilariño de Barbeito no seu Monforte, sus monumentos, leyendas y tradiciones (1896):

Contóme un vecino del Brollón, con ocasión de una excursión hecha a este pueblo, que era costumbre en la antigüedad y con ocasión de los disturbios ocurridos durante la Edad Media, reunirse todos los domingos al amanecer a la sombra del pino para tomar acuerdos que afectasen al interés general del municipio, y antes de abrir la sesión, que presidía el más anciano, la gaita, ese instrumento dulce y melodioso, entonaba una alborada anunciando con sus sones que la asamblea daba comienzo. Terminaba esta lanzando al aire todos los concurrentes un aturuxo o grito, acompañado del disparo de escopetas.

A maxia da Arqueoloxía contribuirá a abrir luz nesta selva impenetrable que é o San Lourenzo e recuperar a xufreira, a ermida e o castro como espazo social da parroquia. Porque aquí si están as raigames da nosa comunidade.

Fotografía aérea do castro [Google Earth]

Fotografía aérea do castro [Google Earth]