A nosa María Castaña

Escola

Josefina Prol nacera nas montesías terras ourensás de Trives. Foi unha daquelas mulleres adiantadas ao seu tempo que estudou a carreira de Maxisterio nos anos da IIª República española. Esta aprendiz de mestra accedeu ás novas ferramentas didácticas procedentes da Europa avanzada do momento, grazas á axuda de Albino Núñez Domínguez (1901-1974). Este home era presidente dende 1932 da A.T.E.O. (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense) e dirixía a revista pedagóxica Escuela del Trabajo. De el aprendeu Josefina as ténicas da Nova Escola, que defendía a inmersión dos nenos e nenas no seu contexto medioambiental e histórico a través de xeiras e excursións polo campo, da visita a elementos do patrimonio histórico, da observación da paisaxe e da interactuación co medio natural. Co gallo da guerra civil, o trunfo do feixismo en Galicia conlevou a depuración de Albino Núñez (rehabilitado en 1959) e a suspensión cautelar das oposicións de Maxisterio do verán de 1936, ás que se presentara Josefina. Tralo conflito, exerceu a súa profesión durante décadas na parroquia de Cereixa.

Malia a represión (que afectou de cheo á súa familia) esta muller adaptouse aos tempos pero sempre procurou manter a dignidade fronte ao nacionalcatolicismo e seguiu poñendo en prática os métodos da nova escola, con excursións e práticas de campo, ao xeito do mestre da marabillosa e tráxica novela de Manuel Rivas A Lingua das bolboretas.

Figura 2

A centenaria dona Fina faleceu coa chegada da primavera de 2015 na Estación da Pobra de Brollón. Moito nos lembramos dela cando, aos poucos días do seu pasamento, organizamos dende o grupo escolar d’A Pobra, o día 5 de maio de 2015, un roteiro para alumnos de Primaria co gallo de que coñecesen os restos materiais e inmateriais da Idade Media na vella terra dos Guímaros e de María Castaña.

Dona Fina impartía en clase o discurso histórico asumido polo Movimiento, segundo o cal a unión de celtas e íberos alicerzou a esencia da raza hispánica na loita contra Roma. Ao falar dos celtíberos non se mencionaba para nada os castros galaicos. Do mesmo xeito, o relato oficial sobre a Idade Media facía fincapé na Reconquista e no espírito dominador de Castela, culminado cos Reis Católicos. Se o idioma galego estaba proíbido dentro da aula, como se ía sentir unha soa verba sobre o Reino medieval de Galicia? Os nenos e nenas de Cereixa nunca sentiron do bico de dona Fina unha verba sobre María Castaña. Pero si o sentiron na casa, de boca de seus pais e de seus avós. Porque na parroquia de Cereixa si se preservou no imaxinario colectivo a figura desta muller.

maria_castaña_color