A noite dos cepos

Noite dos Cepos. Ano 2003.

Noite dos Cepos. Ano 2003.

A importancia da festa popular do San Brais remárcase por ser considerada como a festa dos vellos, que vén de moi antigo, moito antes da Virxe do Rosario. O Xaime d’A Diosa contounos hai quince anos o que facían os mozos de Cereixa no folión de véspera do San Brais cando el el era novo, antes da guerra:

O San Blas era a festa propia, de sempre, era o Patrón xa en tempos antiguos. Deixouse de facer cando eu era pequeno. Era moi nombrada e viñan ofrecidos e todo, doutras parroquias. Despois íbase a Mosteiro, á festa do San Blas. Había a costumbre de queimar os Cepos de carballo seco nos Carballos, a noite de véspora. Para apañar os cepos iban os homes con carros a Pinel e a Brence, e de paso enchíanse os carros de nabos e outras cousas. Facíase unha pota de arroz e xa había festa. Érache boa festa porque se comía o da matanza, en troques no Rosario comprábase todo fóra. Inda recordó a copla que se lle cantaba:

Meu Santo San Blas de Viana,

feito depau de amieiro,

irmao das miñas angrellas,

criado no meu ribeiro.

Se ben é subliñable a súa importancia no calendario litúrxico, xa que precedía ao tempo de penitencia da Cuaresma (de ai o dito popular Vamos, mozas, a San Brais, que festas non quedan máis), moito mais remarcable é o feito de tratarse dun fito festivo sobranceiro no calendario agrícola da comunidade. En pleno inverno, nun período no que a vida se centraba na casa, no núcleo familiar (a diferenza do verán, intre álxido dos traballos comunitarios) e no que se desenvolvían as matanzas do porco, actividade básica na súa economía de subsistencia, a festa do San Blas (tamén chamada festa das cacholas) potencia os lazos do asociacionismo veciñal, ritualizados a véspera na alcumada Noite dos Cepos.

Esta historia publicouse en O santo.